Cerdedo-Cotobade aproba subir a taxa pola recollida do lixo a 80 euros anuais

Cerdedo-Cotobade
06 de novembro 2024
Actualizado: 14:30

Un estudio encargado recentemente polo Concello de Cerdedo-Cotobade determina que o custe da recollida de lixo por vivenda é de 117 euros, lonxe dos 80 euros que se repercutirán a partir do ano 2025

Casa consistorial de Cerdedo-Cotobade Mónica Patxot

O pleno extraordinario da corporación municipal de Cerdedo-Cotobade aprobou un reaxuste da taxa do lixo que, segundo o executivo local, é consecuencia da aplicación da Lei de Residuos do Goberno de España.

Isto obriga á administración municipal a aplicar unha taxa que sufrague o 100% do custo do servizo, segundo o principio do pago por xeración.

Un estudio encargado recentemente polo Concello determina que o custe da recollida de lixo por vivenda é de 117 euros, lonxe dos 80 euros que se repercutirán a partir do ano 2025 pola administración local ao veciño, e que supón un orzamento anual de 370.404 euros.

Así, os esforzos do Concello de Cerdedo-Cotobade por equilibrar o balance económico do servizo vense "gravemente afectados" xa que o mesmo prevese que teña neste ano 2024 un déficit do 57,4% acadando un saldo negativo entre o seu custe e o que se recada duns 212.733 euros.

Segundo manifestou o alcalde Jorge Cubela, "para nós non é de agrado aprobar esta ordenanza que vén imposta polo Goberno de España, que é o que nos obriga a subir o lixo, pero temos que facelo por responsabilidade orzamentaria e cumprimento da legalidade".

O BNG votou en contra dunha suba que Ernesto Filgueira considera "desproporcionada", xa que suporá un incremento do 78% das taxas que se pagan actualmente, pasando dos 49 aos 80 euros anuais.

En Cerdedo-Cotobade, segundo o voceiro nacionalista, "imos pagar máis porque a Xunta prima a incineración e o vertedoiro como sistema de tratamento dos residuos", polo que reclamou un modelo que aposte pola compostaxe e a reciclaxe.

O pleno da corporación tamén aprobou un incremento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que pasará dun 0,40 a un 0,43% axustando deste xeito un tramo para ir corrixindo a diferencia entre a inflación e as necesidades de seguir mantendo en perfectas condicións os servizos públicos que presta o Concello.

Ademais, o pleno aprobou a Relación de Postos de Traballo (RPT), a primeira coa que conta o Concello.

Deste xeito, inventaríanse os postos de traballo e as funcións dos traballadores municipais axustando a cada operario ás funcións que realiza e permitindo que haxa equiparación salarial dos traballadores que desempeñan o mesmo posto e nivel.

A RPT agora aprobada tamén inclúe un aumento de retribucións en todo o persoal de obras con remuneración específica para oficiais encargados, creación de dúas prazas C1 para promoción interna, creación dunha praza de Técnico de Xestión de Administración Xeral de promoción interna, outro de Técnico de Xestión de Intervención (libre), outra de arquitecto (libre), así como ampliar a xornada completa os contratos de limpadores e do encargado Instalacións deportivas.

Finalmente, se contemplan na nova RPT os trienios segundo a Lei de Presupostos.

Para rematar, o pleno aprobou tramitar ante a Xunta a petición da Asociación Cabalar Monte Castelo para que a Festa da Rapa das Bestas de Cuspedriños sexa declarada de interese autonómico.