O pleno de Bueu aproba por unanimidade a reivindicación dunha igualdade real con motivo do 8M

Bueu
04 de marzo 2025

Os grupos políticos aprobaron na sesión celebrada este luns por unanimidade dúas mocións: unha, con motivo do Día Internacional das Mulleres, e outra sobre a mellora da accesibilidade no cemiterio de Beluso

Pleno de Bueu
Pleno de Bueu Concello de Bueu

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 3 de marzo, unha sesión plenaria marcada polo consenso en dous puntos importantes do debate.

Os grupos políticos aprobaron por unanimidade dúas mocións: unha, con motivo do Día Internacional das Mulleres, este 8M, e outra sobre a mellora da accesibilidade no cemiterio de Beluso.

A moción presentada polo BNG e o PSOE destacaba o compromiso municipal coa igualdade. No texto salientouse o labor realizado polo Concello no eido da coeducación e na formación sobre o impacto das novas tecnoloxías nas mozas e mulleres.

Neste punto informouse da aprobación do I Plan de Igualdade do persoal municipal 2025-2028, que inclúe medidas clave como un protocolo contra o acoso sexual ou por razón de sexo.

Os edís defenderon a necesidade de colaboración entre todas as administracións para seguir avanzando cara a unha igualdade efectiva e real.

Pola súa parte, a proposta do PP para mellorar o acceso ao cemiterio de Beluso tamén obtivo o apoio unánime. Elena Estévez, voceira do partido, subliñou a urxencia de actuar sobre a porta principal e as escaleiras do camposanto, unha petición compartida polo resto dos grupos.

Non tiveron o mesmo respaldo as mocións do edil non adscrito Daniel Chapela, centradas na humanización da contorna do Igrexario-CEIP A Torre, na mobilidade peonil e na creación dun certame de investigación co nome de Arturo Sánchez Cidrás, que finalmente foi retirada polo propio concelleiro.

As outras dúas propostas de Chapela foron rexeitadas tras ser debatidas ao entender a maioría do goberno local que non son prioritarias neste momento.