"Plena satisfacción" en Pontevedra polo éxito "rotundo" do festival Río Verbena

Pontevedra
26 de setembro 2022

Desde o goberno municipal agardan que "isto non quede como un simple evento" e teña continuidade o próximo ano para consolidar o Parque de Tafisa e Pontevedra como sede de referencia para un festival que "irá gañando peso" na rede galega deste tipo de eventos.

Festival Río Verbena en Pontevedra Cristina Saiz

O festival Río Verbena, que segundo datos da organización reuniu a unhas 4.000 persoas no Parque de Tafisa, foi xa cualificado como un "éxito rotundo" por parte do Concello.

"Foi un éxito e sen ningún tipo de matiz", sinalou o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, que celebrou a boa resposta do público á "fórmula" que querían testar en Pontevedra, a fusión entre música e concienciación ambiental.

A experiencia, sinalou Puentes, foi "plenamente satisfactoria" ao ter un festival "ateigado de xente" e comprometida coa loita contra o cambio climático.

A este respecto, o concelleiro socialista lembrou que se repartiron 3.000 árbores autóctonas entre os asistentes "para que puidesen levalas a casa, plantalas e reducir a pegada de carbono".

Ademais, destacou que o festival Río Verbena foi unha iniciativa "plenamente pontevedresa", ao estar impulsada por dúas empresas "que lle queren a esta cidade" como Maldita Sed e Esmerarte "que aportaron parte do seu patrimonio para levala a cabo".

A ambas, desde o goberno municipal convídanlles a que "isto non quede como un simple evento" e teña continuidade o próximo ano para consolidar o Parque de Tafisa e Pontevedra como sede de referencia para un festival que "irá gañando peso" na rede galega deste tipo de eventos.