Player's e Dúo Prisma fan parada en Raxó esta fin de semana na honra de San Gregorio

Poio
14 de marzo 2025

A misa solemne, que este ano volve celebrarse na antiga Igrexa de Raxó, será o sábado 15 ás 12.30 horas e estará cantada polo coro Virxe da Renda, de Combarro. Logo, sairá a procesión

Festas de San Gregorio de Raxó
Festas de San Gregorio de Raxó Comisión de festas de Raxó

A orquestra Player´s e o Dúo Prisma serán esta fin de semana o epicentro da festa en Raxó, en Poio. 

Actuarán na verbena organizada pola comisión da Festa de San Gregorio, patrón da parroquia, este sábado 15 a partir das 21.30 horas. O recinto da festa estará cuberto por unha gran carpa.

As festas na honra de San Gregorio celébranse durante toda a fin de semana cunha programación para todos os públicos. 

O sábado 15 de marzo unha alborada polas rúas de Raxó a cargo da Escola Tradicional de Poio e do grupo folk Os de Ningures abrirá os festexos.

Este ano, a misa solemne volve celebrarse na antiga Igrexa de Raxó e está prevista para as 12.30 horas. Estará cantada polo coro Virxe da Renda, de Combarro. A continuación, sairá a procesión, acompañada pola Escola Tradicional de Poio.

O domingo 16, o protagonismo será para os máis novos, que poderán gozar dunha festa infantil no peirao de Raxó a partir das 17.00 horas. Estará amenizada polo grupo Skandal.

Desde a comisión de festas de Raxó agradecen a achega de todas as institucións e colaboradores, así como dos veciños e veciñas que fixeron a súa achega económica a través do peditorio realizado nas últimas semanas porta a porta.