Placemaking Europe, "moi interesados" en que Pontevedra acolla o seu congreso de 2022

Pontevedra
25 de agosto 2021

Pontevedra é unha firme candidata a albergar a Placemaking Week Europe de 2022, un evento que reunirá a 400 expertos en urbanismo sostible. Así o destacaron os seus organizadores, que aseguran estar "moi interesados" en que este foro de debate se celebre na Boa Vila

Visita a Pontevedra dos directores de Placemaking Europe Mónica Patxot

Pontevedra é unha firme candidata a albergar a Placemaking Week Europe de 2022, un evento que reunirá a 400 expertos en urbanismo sostible. Así o destacaron os seus organizadores, que aseguran estar "moi interesados" en que este foro de debate se celebre na Boa Vila.

"Pontevedra é unha cidade que encaixa co que queremos", explicou Ramón Marrades, responsable de Placemaking Europe, durante a visita que el e a socióloga Charlot Schans, codirectora desta rede, realizaron este mércores a Pontevedra.

Ambos destacaron que a impresión que lles causou a cidade "é magnífica", algo que xa descubriran durante a súa investigación previa.

Aseguraron estar "absolutamente impresionados" de que Pontevedra lograse cumprir os obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU fixados para 2030, "algo que moi poucas cidades en Europa poden dicir", defendeu Marrades.

Placemaking Europe atópase agora, segundo o seu director, nun "momento de exploración" para ver que cidade acollerá este evento, previsto para mediados de 2022. Será un debate "amplo" sobre o futuro das cidades "a escala humana".

Aínda que os organizadores concentrarán o seu esforzo nunha semana, coa chegada de 400 profesionais en áreas como a educación, o deseño urbano, a saúde pública ou a mobilidade, esta rede prevé traballar durante todo un ano coa cidade elixida.

"Queremos ter unha relación permeada coa cidade e que o noso impacto sexa o máis importante posible", sinalou Ramón Marrades. Así, estes expertos traballarán coa cidade seleccionada "para identificar e resolver desafíos concretos".

Como exemplo, apuntou que en Valencia, cidade que acolleu o seu último congreso, colaboraron na recuperación de toda a zona da Mariña, recuperada para a cidadanía tras acoller eventos como a Copa América de vela ou a Fórmula 1.

O obxectivo de Placemaking Europe, engadiu o seu director, é impulsar un "urbanismo de aproveitamento" para conseguir "mellores cidades para os que as habitan".

A elección da sede deste congreso non se demorará máis aló de outubro.