Pitos á entrada da mesa de persoal do Concello, que se suspende por falta de quórum

Pontevedra
09 de marzo 2022

Nesta cita houbo dous escenarios protagonistas, a sala de reunións e o exterior, onde arredor de 50 funcionarios locais concentrábanse para manifestar a súa protesta polas condicións laborais que arrastran e que non entraban na axenda de negociación desta mesa de persoal

Protesta dos delegados de persoal do Concello de Pontevedra antes da mesa xeral de persoal suspendida PontevedraViva

Na mañá deste mércores 9 de marzo estaba convocada nas instalacións do Pazo da Cultura a mesa xeral de persoal do Concello de Pontevedra. Finalmente, ao non acadarse o quórum suficiente, a mesa non puido celebrarse e quedou suspendida.

Nesta cita houbo dous escenarios protagonistas, a sala de reunións e o exterior, onde arredor de 50 funcionarios locais concentrábanse para manifestar a súa protesta polas condicións laborais que arrastran e que non entraban na axenda de negociación desta mesa de persoal.

"Unha das medidas de presión que adoptamos é, malia que non iamos acudir ás mesas, si aparecer unha representación dos delegados de persoal coa pancarta en sinal de protesta pola política de persoal do Concello de Pontevedra", indica Héctor Santaló, delegado de persoal pola Agrupación de funcionarios municipais de Pontevedra (AFUMPO), pero que fala en representación da xunta de persoal do Concello e dos sindicatos: "UGT, Comisións, CIG, CSIF e AFUMPO autorizáronnos a falar no seu nome".

A esta primeira convocatoria sumouse "espontaneamente unha representación significativa do persoal de bombeiros, que é unha xente que agora está pasando verdadeiros problemas por temas de conciliación", apunta Santaló. Entre as súas denuncias, expón que se lles cancelan os permisos e descansos ou mesmo que a policía local acode ás súas casas de noite "sacándoos da cama" para que se incorporen inmediatamente ao servizo.

Nesta mesa xeral de persoal suspendida participaba un único representante do sindicato CIG. Preguntado Santaló por que o resto de sindicatos non acode a esta reunión, o delegado de persoal recoñece que "non estamos intentando xa falar porque non nos escoitan, e como é un diálogo de besugos falar contra unha parede, ou din que van facer unha cousa e logo fan outra, xa as portas de diálogo están rotas".

Héctor Santaló manifesta ademais que "nós o que dixemos no seu día é que a concelleira non era unha interlocutora válida e que o director xeral non ten unha capacidade técnica que se lle supón a un director de persoal e queriamos ter unha interlocución directa co alcalde". A resposta desde a Alcaldía foi un escrito no que manifestaba o rexedor pontevedrés que "está satisfeito coa política de persoal que se está a levar e que non nos vai recibir", indica Santaló. 

RESPOSTA DENDE O CONCELLO

O alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Persoal Carmen Fouces coincidían no edificio consistorial de Michelena 30 no encontro que mantiveron cos representantes da Aula Castelao para ultimar os preparativos da Semana Galega de Filosofía. Neste contexto, contestaron ás preguntas dos xornalistas sobre o acontecido ás portas da mesa xeral de persoal.

Carmen Fouces recoñecía que fora recibida con pitos e apupos, pero sen que se producisen incidentes. Manifesta que "o Concello ten a porta aberta, nós convocamos as mesas e a xente que queira que vaia".

Pola súa banda, o alcalde expresa que "hai unha cuestión de fondo dende o último mandato no que se introduciron modificacións para servir mellor aos cidadáns". Lores achaca as protestas do persoal a "que á xente lle custa a adaptación, pero seguiremos na liña de modernización da administración municipal e adaptala aos nosos tempos". Así mesmo, reitera que "seguiremos deixando aberto o espacio para negociar pero tentando dar a mellor resposta posible aos cidadáns".