Alfonso Rueda regresou, polo menos por un día, ao IES Valle Inclán. Nel estudou COU e a súa volta ás aulas fíxolle "moita ilusión", segundo el mesmo recoñeceu, sobre todo o seu reencontro co seu antigo profesor de filosofía, Ramón Regueira.
Volveu a percorrer os seus corredores, recentemente remodelados, antes de presidir o acto oficial de inicio de curso que a Xunta de Galicia quixo organizar este ano neste instituto pontevedrés, un edificio "que ten moita historia e que explica a propia historia da cidade".
Este instituto, que segundo lembrou o seu actual director, Daniel Mejuto, "segue a ser considerado como o instituto de Pontevedra na memoria colectiva dá cidade", é un das "iconas arquitectónicas" da Boa Vila e, tras as obras de remodelación, "está de estrea".
"Agardemos que este curso nos traia moitas satisfaccións", sinalou o seu director.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou a súa satisfacción polo resultado desta reforma integral. "É estupenda", recoñeceu quen tamén estudou no centro, ao que chegou con apenas once anos no ano 1965.
Agora, xa como rexedor da capital da provincial, Fernández Lores aproveitou para volver reivindicar a educación pública e reclamou que as autoridades educativas melloren as condicións do profesorado e haxa medios para que o alumnado "saia moi ben formado".
Tras tomar a palabra, Rueda anunciou un novo plan de mellora dos centros educativos que, cun investimento inicial de 210 millóns, despregarase ata 2028 para adaptar os centros ás novas necesidades da educación pública, "que son moitas e evolucionan moi rápido".
"Hai que adaptalo todo, pero o máis importante é o profesorado e o material para impartir as clases", asegurou Alfonso Rueda, que a pesar de recoñecer que "sempre hai cousas que mellorar" considera que o nivel da educación pública en Galicia "é para estar satisfeito".
Ademais, o presidente da Xunta lembrou que este curso é o primeiro no que o ensino público é "absolutamente gratuíta desde o principio ata a universidade", polo que dirixíndose ao alumnado dixo que "quen o aproveite estará investindo no seu futuro".
"TOTAL NORMALIDADE" NO INICIO DO CURSO
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou que o curso escolar 2024-2025 en Galicia comezou este mércores con "total normalidade" en todas as etapas educativas.
"Sempre pode haber unha cuestión concreta ou específica, pero a normalidade foi a tónica xenérica", subliñou Rodríguez no IES Valle Inclán, ao que se referiu como unha "catedral educativa" e un dos "edificios históricos" da educación en Galicia.
Lembrou que este centro "foi o primeiro instituto de Galicia" e que, nestes momentos, está a experimentar un proceso de rehabilitación integral "absolutamente espectacular", actuando sobre un espazo de máis de oito mil metros cadrados.
Con respecto a estes traballos, nos que Educación investiu 4,7 millóns de euros, o conselleiro asegurou que están moi avanzados, a falta de "algún retoque por rematar" na zona de administración, que se completará nas próximas semanas.
PROTESTA DOS PAIS DA XUNQUEIRA II
Ás portas do IES Valle Inclán, esperando a chegada das autoridades, concentráronse os pais do alumnado de quinto curso de educación infantil do colexio A Xunqueira II, que reclaman o desdobre dunha aula con 24 alumnos e tres con necesidades especiais.
Lograron entregarlle unha carta ao conselleiro de Educación e explicarlle directamente a situación na que se atopan os seus fillos. Sen ese desdobre e sen o docente que as autoridades se negan a incorporar, denuncian que a atención aos alumnos non será a adecuada.
Entenden que o reforzo anunciado pola consellería non é tal. O novo docente que chegou este mércores ao centro non paliará esta situación, xa que foi contratado para cubrir a vacante dunha profesora que se atopa en comisión de servizo.
Román Rodríguez, en declaracións aos xornalistas, asegurou que "imos a estudar" a petición destes pais, apoiada pola dirección do colexio, e tomarán unha decisión "unha vez que se avalíe con detemento".