Piruliño de xoubas en aceite de oliva gourmet Pescamar

Pontevedra
23 de febreiro 2019

A sardiña é o peixe azul máis popular, achega graxa de alta calidade e contribúe ao mantemento da saúde cardiovascular

Piruliño de xoubas FROM

Chega unha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" cunha orixinal proposta de aperitivo que leva como base un dos peixes azuis máis ricos en propiedades saudables: a sardiña. A súa graxa de alta calidade axúdanos a reducir os niveis de colesterol e triglicéridos.

A estas calidades, hai que engadir os efectos beneficiosos para a saúde cardiovascular que Conservas Pescamar potencia co enlatado das xoubas en aceite de oliva "xa que une ás calidades positivas dos ácidos graxos poliinsaturados Omega 3, o feito de que achegan unha cantidade importante de ácido oleico procedente do aceite de cobertura", como nos lembra o FROM, o organismo do Ministerio de Agricultura e Pesca encargado de regular o mercado dos produtos do mar, en cuxa web se recolle esta receita.

Para preparar este delicioso Piruliño de xoubas en aceite de oliva gourmet Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 1 lata de xoubas en aceite de oliva gourmet Pescamar

- 4 patacas

- 1 cenoria pequena picada en dadiños pequenos e cocida

- 50 g. de chícharos extra finos cocidos

- 20 g. de cebola picada moi fina

- Maionesa

- Olivas negras sen óso

- Pan frito moído

Preparación:

Secamos as olivas sen óso e enfornámolas a 80 º C. Cando estean secas, picámolas ata convertelas en po. Mesturamos este po co pan frito moído. Reservamos.

Cocemos as patacas coa pel. Pelámolas e esmagamos ata convertelas en puré.

Agregamos o aceite da lata de xoubas en aceite de oliva gourmet Pescamar e rectificamos o sal, se é necesario.

Picamos as xoubas e mesturámolas coa cenoria, os chícharos e a cebola. Facemos unhas bólas coas mans.

Estiramos o plástico de cociña, poñemos un pouco de puré no centro, unha boliña de xouba e enrolamos de maneira que o recheo quede dentro. Procedemos do mesmo xeito co resto da mestura.

Deixamos as boliñas no frigorífico para que tomen corpo e, ao cabo de 2 horas, retirámolas do filme e dámoslle unha lixeira capa de maionesa.

Finalmente, rebozamos as boliñas na mestura de po de oliva e pan frito e colocámolas nuns paus de espetada.

En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva" cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.