Pinceladas moradas para seguir dando luz á historia das mulleres de Pontevedra

Pontevedra
09 de xuño 2019

Familiares das protagonistas e a veciñanza do barrio deron este sábado os últimos retoques ao mural 'Mulleres de Pontevedra na Historia', que se inaugurará o xoves. Retrata a 23 mulleres coñecidas da historia da cidade e moitas máis anónimas e descoñecidas, pero igual de importantes

Amalia Bóveda pinta o mural 'Mulleres de Pontevedra na Historia' PontevedraViva

O mural, ubicado na confluencia entre Joaquín Costa e Poza dos Canos, inaugurarase o vindeiro xoves día 13 de xuño ás 19.00 horas e este sábado recibiu unha visita moi especial. Familiares de varias das protagonistas e a única viva das mulleres que estarán plasmadas na parede participaron nun acto organizado para explicarlles os pormenores do proxecto e para que eles mesmos puideran participar simbolicamente nos seus últimos retoques.

Amalia Bóveda, a filla da que Amalia Álvarez estaba embarazada cando enviudou, non faltou á cita e foi unha das poucas que se animou a pintar o retrato de súa nai que forma parte da obra de 35 metros que realizan os pontevedreses Polo Correo do Vento e Rei Zentolo por encargo da concellaría de Patrimonio e Memoria Histórica de Pontevedra, que dirixe en funcións Luís Bará.

Xunto a Amalia Bóveda achegáronse ata o mural familiares de Carmen Durán, María Victoria Moreno, Clara López e Mercedes Ruibal. Tampouco faltou Leonor González (Nené), histórica activista en contra da presenza de Ence na Ría de Pontevedra que desde os anos 60 mantense na loita. É a única viva das protagonistas do mural e non quixo pintar, pero si se achegou a retratarse coa súa figura.

Non faltou á cita a veciñanza do barrio, convidada a participar no pintado simbólico como unha mostra máis de que este mural non é unha loa a mulleres xa recoñecidas, senón que pretende ser un mapa simbólico co que Pontevedra quere lembrar a todas as mulleres da súa historia e seguir dando luz á metade da cidadanía tanto tempo relegada á escuridade. 

Mulleres anónimas con oficios e perfís diversos. Mulleres con nomes e apelidos coñecidos e un protagonismo destacado en distintas profesións e épocas. Todas foron igual de importantes para ir tecendo a evolución da propia cidade e a súa historia en feminino e todas comparten espazo no mural 'Mulleres de Pontevedra na Historia', tal e como explicaron Carlos Taboada e Quique Mauricio, de Polo Correo do Vento

Cicerones dos visitantes pola obra á que xa lle están a dar os últimos retoques, estes dous pontevedreses explicaron que por estética fixaron a catro mulleres como eixos do mural, pero non por iso lle restan protagonismo a todas as demais nunha obra de homenaxe colectiva na que indican que seguen a estética muralista de Luís Seoane ou Isaac Diaz Pardo

Para que este mural vira a luz foi fundamental a inspiración dos seus creadores no libro Do gris ao Violeta, a súa obra de cabeceira, "unha xoia" que cren que "merece moito máis que un mural" porque a eles lles permitiu descubrir grandes pontevedresas agora pintadas nesta obra como Dolores Trabado, pioneira do mundo do taxi; ou Chichana Patiño, primeira galega que obtivo o título de aviadora. 

Ao igual que a historia das mulleres vai evolucionando do gris ao violeta, pasando do esquecemento e o silencio a ocupar o espazo que lle corresponde na sociedade, tamén este mural ten unha evolución cromática e percorre Pontevedra por distintos espazos e épocas históricas, desde a cidade medieval e as súas menciñeiras á actualidade de Nené. 

A figura central é Amalia Álvarez, pero tamén teñen moito protagonismo mulleres do ámbito da educación como Ernestina Otero, firme defensora do modelo de ensino da II República e dos dereitos da muller vítima da represión franquista; María Victoria Moreno, mestra e escritora homenaxeada co Día das Letras Galegas 2018; Concepción Arenal, precursora do feminismo e primeira muller que asistiu a unha Universidade española; Daría González, unha das fundadoras do Colexio da Inmaculada; ou Carmen del Valle, a señorita Carmiña, que rompeu as normas que o franquismo estableceu para as mulleres tanto na moda como na conduta. 

O protagonismo colectivo tamén deixa espazo neste mural a mariscadoras, traballadoras das fábricas, lavandeiras ou mulleres do agro e rende homenaxe especial ás mulleres vítimas da represión franquista como Custodia Gama, rapada e humillada polas rúas de Pontevedra; ou Cinta Rey, que aparece retratada abrazada ao piñeiro da Caeira onde foi fusilado o seu fillo, o xornalista Vítor Casas.

Cándida Otero, Carmen Durán, Isabel Barreto, Clara López, Consuelo Acuña, Dolores Calviño -Señora Lola, Elvira Lodeiro, Josefina Arruti, María Vinyals, María Luisa Olañeta, Mercedes Ruibal e Vasquida García completan a lista de 23 mulleres que terán o seu oco na parede e cuxos nomes aparecerán escritos á beira do mural.

Tamén se escribirá unha relación de oficios desempeñados por moitas pontevedresas, tal e como se deu a coñecer este sábado nun acto cargado de simbolismo no que non faltaron as concelleiras Carme Fouces e Pilar Comesaña e a escritora e xornalista Montse Fajardo, integrante do proxecto A Memoria das Mulleres.