Piden responsabilidade para non difundir "esaxeracións e falsidades" sobre os pellets que afecten o turismo e a pesca

Sanxenxo
16 de xaneiro 2024

O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo expresa a súa "preocupación" polas "consecuencias negativas" que pode provocar unha "utilización irresponsable" da información sobre os granulados. Están convencidos de que "non vai comprometer a calidade dos areais"

Recollida de pellets na praia de Silgar Mónica Patxot

O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo apela á responsabilidade colectiva para evitar que "esaxeracións e falsidades" sobre a marea de granulados, coñecidos como pellets, que está a chegar á costa galega afecten de forma negativa aos sectores da pesca e o turismo.

O presidente de CETS, Alfonso Martínez, expresa a través dun comunicado a súa "preocupación" polas "consecuencias negativas" que pode provocar unha "utilización irresponsable" da información sobre a chegada dos granulados.

Os empresarios turísticos temen que o contexto actual de "polarización" e campaña electoral poida levar a "manifestacións esaxeradas, pouco rigorosas ou directamente falsas" que poidan poñer en risco miles de empregos da pesca ou o turismo, dous sectores que xeral o 15% do PIB de Galicia.

Ante a campaña electoral, piden que se evite usar ese asunto como argumento de márketing político e se xestione con rigor por parte dos representantes públicos.

Apelan á responsabilidade daqueles que poidan influír na opinión pública para evitar uns efectos que irían moito máis alá do momento actual e poderían condicionar as decisións de futuro de turistas e consumidores sobre visitar Galicia ou consumir produtos do mar desta procedencia.

Ademais, están convencidos de que a marea de pellets "non vai comprometer a medio ou longo prazo a calidade dos areais e o litoral".

Arquivado en