Piden que o orzamento municipal recolla 2.000.000 de euros para axudas directas ao sector hostaleiro

Sanxenxo
04 de maio 2021

Desde o BNG de Sanxenxo reclaman maiores partidas orzamentarias para sectores afectados pola crise provocada pola covid-19. Piden, ademais, que se manteña o servizo de Emerxencias con 18 efectivos

Sandra F. Agraso, portavoz do BNG de Sanxenxo BNG

O BNG de Sanxenxo reclama ao goberno local que nos orzamentos municipais para este ano se teña especial atención cara ao benestar social e cara ás persoas. Os nacionalistas manifestan que o  covid provocou unha situación económica complicada en moitos autónomos, comercios e pequenos negocios da vila.

Desde esta formación propoñen aumentar a contía proposta polo goberno do Partido Popular, que lidera Telmo Martín, de 361.000 euros para o sector da hostalería aos 2.000.000 de euros en axudas directas a este colectivo para paliar as perdas ocasionadas pola pandemia.

Entenden, desde o BNG, que esta cantidade é asumible para o Concello de Sanxenxo, porque hai suficiente superávit e remanente como para afrontar esta cantidade. Sinalan, ademais, que Telmo Martín anunciara esa cifra para axudas á hostalería en 2020, "sen que chegara a dar nin un só euro en axudas", indican desde o BNG.

Propoñen tamén unha partida de 400.000 euros en subvención por concorrencia competitiva para as asociacións municipais, para evitar axudas entregadas a dedo e para colaborar con estes colectivos que se viron gravemente danados durante este último ano.

Ademais, piden que o PP rectifique na medida adoptada de "desmantelar" o servizo de Emerxencia Municipal. Demandan que manteña 18 efectivos e non pase a 12 coa aprobación do novo orzamento. Sinalan que a medida "pon en perigo á veciñanza do  concello".

Sandra  F. Agraso, portavoz nacionalista, indica que a prioridade debe estar nos postos de traballo, atender a autónomos e pequenas empresas, que están a soportar o peso económico do municipio. "Non é o momento de grandes obras, é o momento da calidade de vida", sinala Agraso.