A Deputación de Pontevedra vén de remitir un escrito á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coas propostas e acordos adoptados pola Comisión Interadministrativa de Adro Vello. Segundo a Deputación o obxetivo desta carta é manter un fluxo de comunicación para axilizar as actuacións que garantan o mantemento e conservación deste importante xacemento arqueolóxico do Grove.
Segundo a Comisión, a principal preocupación que trasladaron a través desta carta, entre outras, é a necesidade de que a Consellería de Cultura, a través do Servizo de Patrimonio, concrete coa maior axilidade posible as medidas provisionais necesarias para minimizar o deterioro da duna que protexe de xeito natural o xacemento das mareas.
Por este motivo, segundo o organismo, xa se enviara unha proposta inicial para actuar o máis axiña posible que foi rexeitada por Medio Ambiente, quen propuxo un proxecto de enxeñería que se prolongaría no tempo. Pero dada a inquedanza existente polo estado da duna, a Comisión acordou solicitar á Consellería que defina unha actuación de emerxencia.
Segundo a Comisión Interadministrativa de Adro Vello, ademáis desta solicitude, aprobaron outros acordos tamén especificados na carta dirixida ao conselleiro de Cultura. Entre eles o compromiso da Deputación de Pontevedra para poñer a súa disposición ao arqueólogo provincial e así axilizar os procedementos xa que, todas as obras que se teñen que acometer nese espazo precisan un control arqueolóxico.
Pola súa banda, segundo a Deputación, infórmase na carta do compromiso do Concello do Grove de realizar unha limpeza extraordinaria antes do verán e de repoñer o pechamento exterior do xacemento unha vez estean executadas as obras na zona das dunas. Tamén se detalla a necesidade de finalizar o procedemento do xacemento como Ben de Interese Cultural (BIC).
Para rematar, segundo os organismos, pediron que a Consellería de Cultura redacte un Plan Director que determine as actuacións a acometer no xacemento, a medio e longo prazo entre as que se atopan: a redacción do proxecto de escavación e consolidación da área actual, o proxecto de musealización, o cambio do trazado da estrada ou a intervención na zona afectada pola mesma.