O Concello de Campo Lameiro decidiu tomar medidas ante as avarías constantes no servizo de telefonía do municipio.
Sinalan que a resolución destas avarías adoita prolongarse "excesivamente no tempo" e moitas están derivadas dun tendido "vello e obsoleto" soportado por postes de madeira que "rachan de xeito continuo" provocando que moitas poboacións do municipio se queden sen servizo tanto de telefonía como de internet.
Ante esta situación, o Concello enviou un escrito a responsables da compañía Movistar para expresar a súa "enérxica protesta" polo "trato inadecuado" que a compañía está dedicándolle aos seus abonados no municipio.
O alcalde, Carlos Costa, manifestou aos responsables para esta zona da compañía a súa "total disconformidade" en como estaban acometendo este problema, que sofren "de xeito reiterado e recurrente" os teléfonos fixos en numerosas zonas.
Segundo indica o Concello, moitos dos veciños afectados son de idade avanzada e viven sós e ,con esta situación, non poden comunicarse a través deste servizo dun xeito normal, mesmo con "imposibilidades de facer consultas ou solicitar axuda" ao propio Concello ou ao centro de saúde.
Carlos Costa instou aos responsables de Movistar a substituir de inmediato os postes e o tendido telefónico responsables da maioría das incidencias e avarías no servizo e que se producen de xeito habitual con temporal ou con meras rachas de vento que provocan que os vellos e obsoletos postes de madeira partan, ocasionando que a liña caia.
O alcalde considera que o nivel de comprensión e paciencia dos usuarios de Movistar xa chego a "límites admisibles" e prega que se faga un "esforzo definitivo" para subsanar o problema canto antes.