Piden máis seguridade viaria en San Xulián

Marín
25 de marzo 2025
Actualizado: 18:46

A Asociación Alborada traslada as necesidades de Arealonga, Casal, Souto do Carregal e A Laxe nunha reunión coa alcaldesa María Ramallo e o concelleiro de Medio Rural

Reunión de Ramallo con representantes da Asociación de Veciños Alborada de San Xulián
Reunión de Ramallo con representantes da Asociación de Veciños Alborada de San Xulián Concello de Marín

O Concello de Marín e a Asociación de Veciños Alborada sentaron as bases para unha serie de melloras que beneficiarán a catro núcleos da parroquia de San Xulián.

Nunha reunión celebrada onte no consistorio, a alcaldesa María Ramallo e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, escoitaron as demandas dos representantes veciñais de Arealonga, Casal, Souto do Carregal e A Laxe.

A xuntanza serviu para facer un repaso das actuacións realizadas nos últimos anos nestes lugares e, especialmente, para coordinar os proxectos pendentes que se desenvolverán próximamente grazas a diferentes vías de financiamento.

Entre as principais intervencións previstas destaca a mellora da Casa de Cultura de San Xulián, que recibirá novo mobiliario, así como a remodelación do parque infantil da zona.

Estas actuacións serán posibles grazas ás subvencións solicitadas a diversas administracións, como a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, e ás achegas da Comunidade de Montes de San Xulián.

A seguridade viaria foi outro dos temas centrais da reunión. Os representantes veciñais trasladaron a súa preocupación por diversos puntos conflitivos e acordouse implementar medidas para mellorar a seguridade nesas zonas, tamén con cargo ás subvencións xa concedidas.

Por outra banda, o Concello comprométese a estudar outras necesidades expostas polos representantes veciñais, especialmente en materia de mobilidade e conectividade.

Segundo confirmou Ramallo, analizaranse intervencións para a mellora de camiños e pavimentacións, co obxectivo de facilitar os desprazamentos entre os diferentes lugares que conforman esta área do municipio.