Piden en Change.org unha rúa en Pontevedra para Magín Froiz

Pontevedra
13 de marzo 2022

Isaac Iglesias González iniciaba o día 11 unha campaña de recollida de sinaturas na plataforma Change.org para que a memoria do empresario creador de Distribuciones Froiz quede de maneira permanente no rueiro da cidade onde comezou a súa exitosa traxectoria profesional

Proposta en Change.org para dedicar unha rúa a Magín Froiz Change.org

Ao día seguinte do falecemento de Magín Alfredo Froiz iniciábase en Change.org unha petición de firmas para impulsar unha campaña co obxectivo de que Pontevedra dispoña dunha rúa dedicada ao empresario que iniciou a súa exitosa carreira profesional en Pontevedra.

O pontevedrés Isaac Iglesias González demanda apoios para presentar esta solicitude ao Concello de Pontevedra porque considera que Magín Froiz era "marabilloso. Ser humano, traballador incansable que creou unha rede de Supermercados e almacéns coa suor da súa fronte. Abanderado no emprego feminino, dando traballo a miles de traballadores/ as". 

Ata este domingo a proposta aínda non alcanzou as 200 sinaturas electrónicas, pero o obxectivo é que a iniciativa sexa coñecida e comecen a sumarse apoios por parte das múltiples persoas que recibiron a axuda e o trato persoal do creador de Distribucións Froiz, xerador, sempre de maneira discreta, de accións humanitarias e solidarias. 

Magín Froiz falecía o xoves 10 aos 78 anos de idade e a súa perda espertou numerosas mostras de condolencia no ámbito político, empresarial e social. Obtivo, durante a súa traxectoria, entre outros galardóns, o primeiro premio Servir do  Rotary Club de Pontevedra; o Premio Cidade de Pontevedra en 1996; e a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo en 2017 outorgada polo Goberno de Mariano Rajoy. Actualmente, o empresario que residía coa súa familia no municipio de Poio presidía a Fundación Xoán XXIII e, ademais, era o promotor do Grupo Deportivo Supermercados Froiz.