Piden a Augas de Galicia un plan de acción para liberar o Gafos e minimizar inundacións

Pontevedra
22 de outubro 2024
Actualizado: 12:49

Dúas semanas despois do temporal Kirk, os seus efectos aínda poden apreciarse nos tramos urbano e rural do río. Vaipolorío realizou unha inspección dos danos e propón tres actuacións

Árbore tirada no paseo do Gafos despois do temporal Kirk

Dúas semanas despois do paso do temporal Kirk, os seus efectos aínda poden apreciarse no paseo do río Gafos nos seus tramos urbano e rural.

Na zona máis rural, Toxal-Tomeza-Gafos, integrantes da asociación ecoloxista Vaipolorío realizaron unha primeira inspección dos danos e observaron gran cantidade de arboles caídos sobre o sendeiro e o propio leito do río.

Á vista da situación, a entidade propón tres actuacións que aplican a particulares e administracións.

Así, solicitan a Augas de Galicia un plan de actuación para liberar o leito do río e así minimizar as inundacións que afectan á zona cada vez que hai este tipo de episodios meteorolóxicos adversos.

Aos propietarios particulares das árbores caídas pídenlle a súa retirada.

A terceira actuación é propia de Vaipolorío, pois anuncian que, en canto as condicións meteorolóxicas o permitan, voluntarios e voluntarias deste colectivo actuarán para retirar os restos que seguen no carreiro para facelo "practicable".