Piden ao Concello de Marín a retirada de verteduras ilegais que proliferan no Monte Pituco

Marín
07 de agosto 2020

O colectivo Defende o Monte Pituco denuncia que algúns dos refugallos foron abandonados nas últimas semanas, outros remóntanse ao recente período da desescalada posterior ao confinamento provocado pola pandemia de coronavirus e outros son xa de agosto de 2019 

Verteduras no Monte Pornedo Defende o Monte Pituco

O colectivo Defende o Monte Pituco denuncia a proliferación de verteduras ilegais que se localizan en diversos puntos do Monte Pornedo, ou Pituco, e pide ao Concello de Marín a súa retirada ante a "falta de iniciativa" da comunidade de montes de San Xián, titular dos terreos.

Segundo a información facilitada polo colectivo, algúns dos refugallos foron abandonados nas últimas semanas, outros remóntanse ao recente período da desescalada posterior ao confinamento provocado pola pandemia de coronavirus e outros son xa de agosto de 2019.

En xeral, detectan que hai unha "preocupante" proliferación destas verteduras. Entre outros, contabilizan unha decena de casos entre a pista forestal principal do Pornedo e a arboreda situada no seu inicio, camiños secundarios e a vía de servizo paralela á Variante de Marín. Nesta última sitúase unha voluminosa vertedura de restos de obra, cemento, ladrillos e outros materiais de construción, ao carón dun dos túneles deste vial.

No lugar da fonte das Pulgas tamén se localiza un considerable foco de contaminación con obxectos de procedencia doméstica, como electrodomésticos, colchóns, enseres vellos, recipientes de cociña, roupa e calzado.

Hai máis verteduras destas características -bolsas de plástico cheas de desperdicios, potas, grellas, cadeiras e outros refugallos- preto dos petróglifos de Sete Camiños.

O colectivo denuncia que ademais do aspecto deplorable que ofrece, a presenza de lixo no monte provoca un indesexable "efecto chamada" que acentúa o risco de que aumente o número de verteduras realizadas por "xente irresponsable".

A isto súmase que a maior parte destes residuos supoñen, segundo Defende o Monte Pituco, un serio perigo en plena época de incendios forestais, polo seu carácter altamente inflamable.