Piden á Fiscalía que investigue o Catastro de Pontevedra na xestión da propiedade da Casa Barroca de Combarro

Poio
04 de setembro 2023

A asociación Amigos dos Museos de Galicia e A Solaina de Combarro presentaron ante a Fiscalía Provincial a denuncia na que reclaman que se clarifique a propiedade deste inmoble, adquirido en 1973 polo Ministerio de Educación y Ciencia para destinalo a sede do Museo do Mar. Sinalan que este edificio foi "privatizado" en xaneiro de 2021, cando a Gerencia Territorial del Catastro de Pontevedra inscribiu o inmoble a favor dun particular

Casa Barroca de Combarro en 1970 Manuel Chamoso Lamas (Real Academia Galega de Belas Artes)

A Asociación A Solaina de Combarro e Amigos dos Museos de Galicia xa presentaron a denuncia ante a Fiscalía de Pontevedra para que se resolva o caso relacionado coa propiedade da denominada "Casa Barroca de Combarro".

Este edificio foi adquirido, segundo sosteñen, en 1973 polo Ministerio de Educación e Ciencia coa intención de convertelo en sede do Museo do Mar de Combarro. Pero a casa figura, desde xaneiro de 2021, inscrita pola Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra a favor dun titular que en 2020 declarábase propietario do inmoble que, segundo os denunciantes, é titularidade do Estado.

Por este motivo na denuncia presentada #ante a Fiscalía solicitan que inicie unha investigación para comprobar se a atribución da herdanza e propiedade da casa ao particular está xuridicamente fundamentada ou se existen erros, omisións ou falsidades que puidesen ser constitutivos de delito e, por tanto, anulasen a propiedade que se lle atribúen.

Tamén reclaman que comprobe se no expediente aberto pola Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra para atopar un titular da Casa Barroca rexistráronse accións ou omisións que puidesen causar prexuízos a particulares e, sobre todo, permitir a privatización "presuntamente fraudulenta" do ben cultural.

Por último, os responsables presentan documentación sobre as casas barrocas de Combarro adquiridas para o Museo Etnográfico; sobre as xestións realizadas ante o Ministerio de Cultura pola Asociación A Solaina para esclarecer o caso; das realizadas ante a delegación estatal de Economía e Facenda.

Tamén se recollen as actuacións dos irmáns que reclaman o edificio ante o Rexistro da Propiedade para paralizar a inmatriculación da casa e diante da Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra; documentación da iniciativa parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados sobre este caso; as xestións do Concello de Poio con documentación xerada sobre esta casa barroca; indicios e evidencias sobre a propiedade do Estado deste inmoble e unha copia do expediente de expropiación da casa barroca que se atopa no Arquivo Xeral da Administración (AGA).

A denuncia está asinada polos presidentes das dúas asociacións culturais denunciantes, Rafael Vallejo Pousada e Felipe Senén López.