Piden á Deputación que destine vivendas da Cidade Infantil Príncipe Felipe a vítimas de violencia machista

Pontevedra
24 de novembro 2015

A sección sindical de CC.OO. presentou un escrito ante a Deputación provincial e ao Consello municipal da Muller de Pontevedra para que 12 vivendas baleiras situadas nas instalacións de Montecelo acollan ás mulleres que precisen protección

Representantes de CC.OO. na Deputación Provincial Mónica Patxot

A sección sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.) presentou un escrito na Deputación Provincial solicitándolle á presidenta Carmela Silva que con motivo da celebración do 25-N, Día Internacional contra a violencia machista, destine ás mulleres vítimas de violencia machista as 12 vivendas desocupadas que se atopan nos bloques de residencia da Cidade Infantil Príncipe Felipe

Esas vivendas, segundo o delegado de CC.OO. na Deputación, José Ramón Piñeiro, atópanse en malas condicións con balcóns oxidados e con problemas importantes de humidades. Por este motivo, os representantes dos traballadores reclaman unha reparación para que alí poidan instalarse mulleres que sufran malos tratos.

Piñeiro dixo, en rolda de prensa durante este martes 24, que é necesario que a presidenta da Deputación "se deje de postureo" e que realice actos concretos. E engadiu que da mesma forma que asinou un acordo co Concello de Pontevedra para reformar vías públicas e campos de fútbol por 10 millóns de euros é preciso que se acometa este proxecto de carácter social que, segundo afirmou o representante sindical, pode evitar o asasinato dalgunha muller.

Estes bloques de vivendas foron creados para os traballadores da Cidade Infantil. Con todo, co paso dos anos, tan só catro funcionarios residen nestes espazos e apenas a metade dun dos bloques é ocupado pola asociación Alba

Piñeiro indicou que esta solicitude xa se expuxo aos anteriores gobernos de Rafael Louzán pero só se chegou a reformar o tellado. De aí que o sindicato reclame obras nestas instalacións para poder levar a cabo esta proposta, que tamén presentaron ante o Consello da Muller de Pontevedra.

O delegado de Comisións Obreiras afirmou que estes bloques pódense illar para garantir a seguridade das mulleres maltratadas de toda a provincia e, en caso, de que non se considere o mellor espazo para acollelas tamén podería servir para menores que finalicen o seu período de escolaridade no centro e que, nestas instalacións, serían sometidos a un seguimento.