'Piadinas' con paté de zamburiñas Pescamar

Pontevedra
09 de abril 2022

Para esta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", Pescamar propónnos unha receita que incorpora un dos produtos máis prezados das nosas costas e que forma parte da súa gama gourmet: as zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva

'Piadinas' con paté Foto de Fauzan Fitria en Pexels

Para esta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", Conservas Pescamar propónnos unha receita que incorpora un dos produtos máis prezados das nosas costas e que forma parte da súa gama gourmet: as zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva.

As zamburiñas son un manxar para o padal e moi valoradas nutricionalmente pola súa alta composición en proteína e a inexistencia de graxas. Ademais, entre os minerais, destaca a achega de fósforo, potasio, calcio e ferro.

A 'piadina' (ou piada) é un prato típico das provincias italianas da Romaña, na Rexión Emilia- Romaña. Consiste nun pan plano elaborado con fariña de trigo e que se presenta dobrado pola metade e recheo de diferentes ingredientes. Neste ocasión, imos preparar a variedade coñecida popularmente como a piedizza, chamada así por presentar o recheo estendido sobre unha das súas caras, como unha pizza.

Para preparar estas deliciosas 'Piadinas' con paté de zamburiñas Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 2 latas de zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva

- 200 g de queixo cremoso

- 100 g de maionesa

- 10 olivas recheas de anchoa

- 500 gramos de fariña de trigo

- 15 gramos de sal fino

- 75 ml de aceite de oliva virxe extra (ou graxa de porco)

- 1 culleradiña de bicarbonato sódico

- 200 ml de auga

Preparación do paté de zamburiñas:

Vertemos o contido das latas de zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva nun coador colocado sobre un vaso para que se escorra parte do aceite (non a salsa espesa).

A continuación, mesturamos o contido das latas de zamburiñas que nos quedou no coador co queixo cremoso e a maionesa. Batemos ata obter unha crema mesta.

Aparte, cortamos as olivas en anacos moi pequenos e engadímolos á mestura anterior ata que formen unha pasta consistente.

Elaboración das 'piadinas' (6 unidades):

Para preparar a masa, mesturamos a fariña co sal e o bicarbonato nun bol. Formamos un oco no centro e vertemos aí o aceite e a auga a temperatura ambiente (se fai moito frío, amornaremos antes lixeiramente a auga).

Amasamos ata obter unha textura homoxénea, pero non pegañenta. Podemos mesmo rectificar cunhas culleradas de auga no caso de que a fariña estea moi seca e solta. Formamos unha bóla, tapamos cun trapo e deixamos repousar a masa unha hora.

Separamos a masa en seis porcións iguais. Para formar cada 'piadina', amasamos un pouco cada porción, formamos bólas, esmagamos e estiramos cada unha cun rodete ata deixar un grosor de aproximadamente medio centímetro. Picamos cun garfo para que non se formen burbullas ao cociñalas.

Quentamos unha tixola antiadherente a lume medio-forte, engraxamos cun pouco de aceite (ou se o preferimos, coa graxa de porco) e cociñamos cada unidade entre 1 e 2 minutos por cada lado, con atención para que non se queimen.

Presentación:

Conforme se van facendo, colocamos as 'piadinas' unhas sobre outras e o paté de zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva entre capa e capa. Podemos decorar, como nas fotografías, cunhas follas de alfábega e uns anacos de tomate.

En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.