O grupo municipal do PSOE de Pontevedra presentou unha moción para instar á Xunta de Galicia a asumir "de inmediato" a xestión e financiamento íntegros da Unidade de Atención á Drogodependencia (UAD), denunciando a "situación crítica" do servizo que está a afectar gravemente aos programas de prevención e incorporación social.
A iniciativa, que será debatida no pleno municipal deste mes, reclama que o Goberno autonómico cumpra coas súas competencias en materia sanitaria, integrando o persoal actual e realizando as contratacións necesarias para cubrir as próximas xubilacións.
A UAD de Pontevedra conta actualmente con só 8 profesionais, segundo denunciaba Iván Puentes este xoves, cando hai unha década dispoñía dun equipo de 12 persoas. Ademais, alertou de dous profesionais máis do servizo que van xubilarse ao longo deste ano.
O centro situado na praza de Valentín García Escudero dispón dun psicólogo pronto a xubilarse, unha enfermeira, unha auxiliar de enfermería e unha administrativa, todos a xornada completa. A Xunta só envía dous días á semana a un médico psiquiatra e a un traballador social.
Na unidade de día emprazada na Casa Azul traballan un psicólogo, tamén próximo á xubilación, e un informático. Esta escaseza de persoal está a comprometer seriamente a calidade asistencial do servizo, segundo indicaba o concelleiro socialista Marcos Rey.
"A Xunta está a cometer unha clara deixazón de funcións", afirmou Marcos Rey, quen lembrou que o Parlamento galego aprobou en 2021 dúas proposicións non de lei instando ao Sergas a asumir estas competencias, sen que se teñan materializado anos despois.
Segundo Rey, "é unha verdadeira tomadura de pelo que, varios anos despois, a transferencia de competencias non se teña materializado", especialmente cando a Lei Xeral de Sanidade establece que son os departamentos de saúde das comunidades autónomas os que deben asumir en exclusiva as competencias na atención sanitaria.

O portavoz municipal socialista, Iván Puentes, destacou a importancia deste servizo "nun momento de repunte no consumo de substancias aditivas" e subliñou que "a UAD de Pontevedra leva anos languidecendo" mentres aumenta a demanda de atención.
"Oxalá puidesemos dicir que as adiccións e as drogodependencias son unha cousa do pasado, algo que nos rememora aos anos 80, pero desgraciadamente iso non é así", lamentou Puentes, quen engadiu que o servizo atende non só a persoas con problemas de drogodependencias, senón tamén con outras adiccións como o alcoholismo.
Puentes tamén criticou a campaña de medo e aporofobia do PP local por "relacionar delincuencia con vulnerabilidade e atención social" dun xeito que cualificou de "lamentable e condenable".
"Pedímoslles que deixen de estigmatizar á poboación máis vulnerable e lle esixan ao seu partido e a Alfonso Rueda que cumpran coa Lei de Sanidade", concluíu Puentes, quen recordou que "hai xente que ten problemas de adicción a drogas ilegais que visten de traxe, que teñen moitos cartos e que contan con aceptación social que tamén precisan de axuda".