Continúan as protestas de todos os xoves convocadas polosindicato CIG para demandar unhas pensións públicas dignas. Nesta ocasión, un grupo de representantes do sindicato nacionalista concentrábase na praza da Peregrina mostrando o seu malestar pola reforma das pensións que o Goberno central aplicará este 2022.
Explican que esta reforma mantén a idade de xubilación nos 67 anos e consideran que se producirán novas penalizacións á clase traballadora sen garantía dunha subida das contías das pensións. Ademais, lamentan que non se garanta por lei a pensión mínima no 60% do salario medio nin se recupera o dereito á xubilación parcial á vez que se penaliza a xubilación anticipada, prexudicando a persoas que realizan actividades perigosas ao prolongarse a súa vida laboral.
Ademais, mostran a súa preocupación polo anuncio da segunda parte da reforma na que se incluiría a ampliación do período de cálculo pasando dos 25 anos actuais a 35 anos.
Felipe Aragunde, representante da sección de pensionistas da CIG, explicaba que é necesario que todas as persoas xubiladas en Galicia se incorporen a estas protestas porque as pensións son "moi baixas" ao permanecer en 865,94 euros mensuais, 84 euros por baixo do salario mínimio interprofesional. No conxunto do Estado, a pensión media sitúase en 1.017,97 euros.
Demanda unha correspondencia de acordo cos anos traballados durante a vida laboral. Critica a subida do IPC medio porque alega que se a vida sobe 10, a subida prevista para as pensións será de 4,5 ou 5 e coa aplicación dos impostos quedará en 2,5 cunha importante perda do poder adquisitivo. O integrante da central nacionalista pide ao Goberno que atenda ás pensións e non gaste en armanento ou noutras accións. "Se nós sabemos onde facer os sacrificios, eles tamén saben", alega.
Desde a CIG insisten en que, ademais, as máis prexudicadas por esta situación son as mulleres porque a pensión media dunha galega é case 300 euros inferior á pensión media dun galego.