Petición da Xunta ao Concello dunha proposta con financiamento para trasladar as súas instalacións da Xunqueira de Alba

Pontevedra
29 de xuño 2023

O tema debatíase este xoves na comisión do Parlamento de Galicia. Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas, remarcou que a Xunta está disposta a trasladar as dependencias cando teña unha proposta municipal con terreo e financiamento. Sinala tamén que a Consellería de Infraestruturas carece de comunicación de Costas do Estado sobre a situación irregular desas instalacións

Comisión 2ª do Parlamento de Galicia onde se debateu sobre as instalacións da Xunta na Xunqueira de Alba Xunta de Galicia

A situación das instalacións de conservación de estradas, que a Axencia Galega de Infraestruturas mantén na Xunqueira de Alba, debatíase este xoves na comisión do Parlamento de Galicia, ante a petición do traslado por parte do BNG, a través de Luís Bará, e do goberno local de Pontevedra desa estrutura.

Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas, remarcou a disposición do goberno galego de trasladar esas dependencias cando exista unha proposta por parte do Concello de Pontevedra con terreos e financiamento para que se acometa ese cambio. Ampárase en que é o goberno local quen promove esa actuación e así llo especificou nunha carta remitida ao Concello pontevedrés.

Lembrou, ademais, que #de acordo con a Lei 5/2019, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia; o Concello de Pontevedra é o responsable da xestión dese espazo natural de interese local (ENIL) e o promotor desas actuacións, ademais da administración competente na achega dos recursos necesarios.

Menéndez tamén expuxo durante a súa intervención que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non recibiu ningunha comunicación por parte de Costas do Estado sobre unha "suposta situación irregular" das instalacións pertencentes á Xunta, que foron transferidas polo Estado e que se atopan caracterizadas como Dominio Público Vial.

O representante da Consellería de Infraestruturas insistiu en que a Xunta, cando promove actuacións nas estradas da súa titularidade en Pontevedra, é quen as financia integramente. Do mesmo xeito, entende que o Concello de Pontevedra debe ser quen poña os medios necesarios para acometer este traslado da Xunqueira de Alba se o considera prioritario.