A petición de converter o Faro de Ons en museo chega ao Senado

Bueu
20 de outubro 2024

A senadora do BNG, Carme da Silva, pide ao Goberno atender a demanda Concello de Bueu e de asociacións e colectivos socio-culturais e evitar que se termine destinando a un uso hoteleiro

Faro da illa de Ons Autoridad Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

A senadora do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Carme da Silva, levou á Cámara Alta a proposta de converter o faro da Illa de Ons nun museo.

Da Silva eleva ao Goberno esta petición que parte da Asociación Ecoloxista Anduxía, a Asociación de amigos das embarcacións tradicionais Os Galos e a Asociación micolóxica naturalista Liboreiro, e que foi tamén apoiada polo Concello de Bueu.

O obxectivo, aseguran, é evitar que se termine destinando a un uso hoteleiro, como sucedeu en equipamentos similares.

"A experiencia dinos que cada vez se automatiza un faro, comeza o seu declive e o descoido do inmóbel ou termina en usos privados de hostalaría ou usos hoteleiros que desnaturalizan a súa esencia e non contribúen á posta en valor do patrimonio", afirma a senadora nacionalista.

O BNG rexistrou na Cámara iniciativas para lograr que a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra proceda á desafección do faro, paso indispensable para convertelo nun museo "que conte o legado histórico, cultural e patrimonial da zona".

Defende ademais Carme da Silva que a opción de converter o Faro de Ons nun museo completaría a visita á illa desde punto de vista cultural, histórico e patrimonial, ao tratarse dun enclave que recibe cada ano máis de 130.000 visitantes.

O edificio en si xa se considera parte da historia fareira ao conservar moitos elementos orixinais da súa inauguración en 1926, e conta tamén cunha sala museo con material de importancia náutica e histórica.

Ademais dadas as dimensións sería posible habilitar zonas onde expor contidos "sobre a historia marítima da zona, sobre os naufraxios ou sobre o labor dos fareiros nas illas".