Pescadores de Cambados e da Illa de Arousa contribúen ao proxecto europeo de limpeza de lixo mariño

O Salnés
15 de xuño 2021

Os profesionais das confrarías da Ría de Arousa colaboran na preservación do mar coa recollida e descarga no porto dos residuos que atopan nos seus aparellos durante as súas xornadas de faena

Recollida de lixo mariño por parte da frota da confraría de Cambados (arquivo) Xunta de Galicia

Galicia participa no proxecto europeo CleanAtlantic, destinado á loita contra o lixo mariño a través de traballos de prevención, eliminación, formación e concienciación nos diferentes sectores implicados.

Este martes o proxecto pechábase cunha intervención por videoconferencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana. A titular de Mar salientaba a importancia de involucrar aos profesionais nas accións de coidado e limpeza do medio mariño. Entre eles destacan os integrantes das confrarías de pescadores de Cambados e da Illa de Arousa, aos que se unen iniciativas desenvolvidas no colexio e o instituto da Illa de Arousa, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou Tecnopesc.

CleanAtlantic é un proxecto coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) que conta coa participación de 19 socios de Irlanda, Portugal, Francia, Reino Unido e España, ademais dos socios galegos dependentes da Consellería do Mar como o propio Cetmar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e outros como o Centro Oceanográfico de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela.

A representante do Executivo galego salientou durante a xornada 'A loita contra o lixo mariño no Espazo Atlántico' que este tipo de traballos mostran a importancia dunha cooperación integral e subliñou que Galicia leva tempo traballando neste eido da man dos profesionais do mar.

Na actualidade está en marcha o Plan Marlimpo co obxectivo de protexer a biodiversidade e os ecosistemas mariños mediante a redución dos residuos presentes no mar en alianza cos traballadores do sector. Esta acción realízase recollendo e descargando nos portos os residuos que os profesionais atopan nos seus aparellos durante as súas xornadas de faena así como incentivando economicamente a recuperación de artes de pesca perdidas e a limpeza das zonas nas que hai unha maior acumulación.