Pesar en Montecelo polo falecemento de Emilio Arruti Peleteiro, médico de Urxencias xubilado

Pontevedra
07 de xullo 2024

O facultativo deixara a súa carreira profesional en Urxencias de Montecelo en xaneiro de 2023. Os seus restos mortais permanecen no tanatorio San Mauro de Pontevedra, onde este luns 8 ás 13.00 horas vai realizarse un acto de despedida

Emilio Arruti Peleteiro, segundo pola dereita na foto, durante un acto de despedida de médicos xubilados Área sanitaria de Pontevedra - O Salnés - Arquivo

Este domingo falecía en Pontevedra Emilio Arruti Peleteiro, médico de Urxencias en Montecelo durante as últimas décadas, que coordinara tamén a Oficina de Transplantes do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Emilio Arruti xubilouse a finais de xaneiro de 2023 tras 43 anos traballando como profesional médico cun notable recoñecemento entre os responsables sanitarios, compañeiros e pacientes

Con motivo da súa retirada do ámbito sanitario remitira unha carta de despedida na que manifestaba que "seguirei operativo para loitar e defender unha Sanidade Pública da máxima calidade".

Os seus restos mortais atópanse na sala 3 do tanatorio San Mauro de Pontevedra desde as 16.30 ata as 22.00 horas.

Está previsto no mesmo salón de actos do tanatorio un acto de despedida este luns 8 ás 13.00 horas, posteriormente será incinerado na intimidade familiar.