Persoal do Plan Revitaliza traslada información á veciñanza sobre a compostaxe

A Lama
02 de decembro 2020

O alcalde Jorge Canda e o concelleiro Daniel Vidal achegáronse á Alameda para participar da actividade divulgativa que ten como obxectivo concienciar aos residentes para reducir a fracción orgánica dos residuos nas vivendas

Composteiros do Plan Revitaliza Concello da Lama

Unha carpa situada nas proximidades do Centro de Saúde e da zona de máis actividade comercial no municipio da Lama converteuse este mércores no centro onde numerosas persoas achegáronse para obter información do persoal de Revitaliza sobre o funcionamento dos composteiros individuais.

Ademais, as persoas que se achegaban podían inscribirse que se mantén aberto ata que se entreguen os 200 composteiros dos que consta a primeira fase deste Plan Revitaliza da  Deputación de Pontevedra, que desenvolve o Concello da Lama, co apoio económico da Consellería de Medio Ambiente e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. 

Jorge Canda, alcalde da Lama e o concelleiro Daniel Vidal achegáronse ata a instalación e manifestaron que esta iniciativa conta con seguimento sobre todo entre a poboación que dispón dunha horta ou un espazo ao aire libre para instalar o composteiro individual que lle permite elaborar compost para utilizar como abono para plantas de cultivo ou para especies ornamentais.

As persoas que estean interesadas en obter un composteiro deben de estar empadroadas no Concello da lama e deben solicitalo nas dependencias municipais ou chamar ao teléfono 986.768.238. Deberán  faciitar o nome, apelidos, número do DNI, dirección e referencia catastral da vivenda, ademais deberán dispoñer dun espazo de xardín de aproximadamente 50 metros cadrados para a instalación e comprometerse a realizar un uso responsable do composteiro, de maneira que se eliminen os residuos orgánicos que se orixinen na vivenda.