Persoal do centro de saúde de Baltar leva dúas semanas sen uniformes

Sanxenxo
04 de setembro 2024

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Sanxenxo denunciou a situación de precariedade do persoal do centro de saúde de Baltar, que alerta da falta de uniformes desde fai un par de semanas

Concentración diante do centro de saúde de Baltar, Portonovo Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. Sanxenxo

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Sanxenxo denunciou a situación de precariedade do persoal do centro de saúde de Baltar, que alerta da falta de uniformes desde fai un par de semanas. 

A portavoz da plataforma, Ana Belén Fernández Camiña, advirte da "falta de hixiene" que supón a falta de roupa, así como da "importante escaseza de persoal", que, denuncia, tamén se produce no consultorio de Vilalonga.

"Ademais de atoparse minguados de persoal debido a baixas, tanto no Centro de Saúde de Vilalonga como no de Baltar non cobren ausencias nin de enfermería nin de facultativos", manifesta.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo sinala que está situación débese á privatización deste servizo. 

"Tras ver como se escatiman os recursos precisos para unha atención digna, tanto en persoal como material ou servizos, agora tamén se está sufrindo que a empresa encargada de recoller e devolver limpas e desinfectadas o vestiario e roupas usadas na Atención Primaria no centro de saúde de Baltar, non cumpra coa súa función", apuntan.