Unha persoa ferida e o tráfico cortado ao chocar un camión cun turismo na Barca

Poio
05 de novembro 2024
Actualizado: 06 de novembro

O luns sobre as 14.00 horas houbo un accidente entre un turismo e un patinete na avenida do Peirado Besada coa PO-309. O condutor do patinete resultou ferido e foi trasladado ao hospital

Colisión entre un turismo e un camión na Barca, en Poio Policía Local de Poio

Unha persoa resultou ferida nun accidente de tráfico rexistrado ao mediodía deste martes na avenida da Barca, en Poio. 

O sinistro consistiu na colisión entre dous vehículos rexistrada sobre as 14.00 horas. Segundo a información facilitada pola Policía Local, un camión golpeou un turismo á saída da rotonda da Barca. 

Como consecuencia deste accidente, o tráfico quedou cortado na estrada PO-308 en dirección a Poio durante aproximadamente unha hora, ata a retirada dos vehículos sobre as 15.00 horas.

A persoa ferida de carácter leve foi o condutor do turismo. Foi atendida por unha ambulancia do 061

Por outra banda, este luns 4 de novembro a Policía Local de Poio tamén tivo constancia dun accidente sobre as 14.00 horas avenida do Peirado Besada coa PO-309.

Nesta ocasión, foi unha colisión entre un turismo e un condutor dun vehículo de mobilidade persoal (VMP), un patinete.

O condutor do patinete resultou ferido e foi trasladado por unha ambulancia do 061 ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.