Tres persoas afectadas por inhalación de fume nun incendio nun edificio en Bueu

Bueu
01 de xaneiro 2025
Actualizado: 20:32

Un amplo dispositivo de efectivos de emerxencias traballaron nas tarefas para sufocar un incendio rexistrado pasadas as 13.30 horas deste mércores 1 de xaneiro na avenida de Carrasqueira

Incendio dun edificio na avenida de Carrasqueira en Bueu Servizos de Emerxencias

Efectivos de emerxencias traballan nas tarefas para sufocar un incendio rexistrado pasadas as 13.30 horas deste mércores 1 de xaneiro en Bueu. 

Como resultado do incendio, o 112 Galicia confirmou que tres persoas resultaron afectadas por inhalación de fume e precisaron asistencia sanitaria nun hospital

Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, un particular alertou sobre as 13.36 horas de que ardía o baixo dun edificio de tres plantas na avenida de Carrasqueira en Bueu. 

O 112 mobilizou en primeiro lugar a Urxencias Sanitarias de Galicia, os Bombeiros do Morrazo, a Garda Civil e a Policía Local e, á súa chegada ao lugar, puideron confirmar que o incendio era importante.

Incendio dun edificio na avenida de Carrasqueira en BueuMarcial Outeda

Ao confirmarse a gravidade, tamén mobilizaron aos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Sanxenxo, os bombeiros de Ribadumia e de Pontevedra e Protección Civil de Bueu. Os bombeiros de Pontevedra acudiron ata o lugar co camión nodriza porque os servizos de emerxencias que interviñan na extinción do incendio precisaban máis auga.

Segundo a información que manexa o 112, o difícil acceso ao baixo complicou as labores de extinción, aínda que finalmente os medios desprazados conseguiron sufocar o lume.

Segundo indicaron, había unha gran cantidade de bens, como varias botellas de butano que foron retiradas e puideron provocar o fume negro, ademais dun coche que se viu parcialmente afectado.

Despois de apagar o lume, os bombeiros do Morrazo agardaron no punto para ventilar a zona.