Apenas duraron unha hora os produtos elaborados con camelia que os alumnos do Centro de Hostalería Carlos Oroza trasladaron á rúa durante o mediodía deste venres 22. Numerosos viandantes picados pola curiosidade achegábanse ata os postos para saborear os pratos: nigiri de vieira con aceite de camelia, follas fritas de camelia con chantilly e té de camelia con aroma de amorodos e pétalos deshidratados.
E que reacción tiñan os comensais ao inxerir estes produtos? Sempre positiva. Mostrábanse sorprendidos por un sabor ao que non están afeitos. Segundo comentaba o profesor de cociña do Carlos Oroza, Paco Moreno, a maioría de interesados achegábanse preguntando: pero... a camelia cómese? E a continuación probaban afirmando que lles parecía moi rica. A camelia non ten demasiado aroma, segundo afirma este profesor, pero si se concentra cando se frite ou se asa. Aí reside o segredo.
Decenas de persoas achegáronse polas mesas situadas na Praza de España, na Ferrería ou na rúa Frai Tomás de Sarria. Nesta actividade tamén se colgaron fotografías e textos nas árbores dos xardíns de Casto Sampedro, ao mesmo tempo que os estudantes de primeiro curso de Guía e Información Turística trasladaban detalles de interese ás persoas que se achegaban. Desta forma, explicaban que as geishas utilizan aceite de camelia para facer os moños do pelo ou os motivos polos que esta flor, característica das Rías Baixas, sexa o emblema de Cocó Chanel.
A esta cita tamén acudiron usuarios da asociación Xoán XXIII e da Once.