Permanecerán as chuvias nas Rías Baixas durante a primeira semana de abril

Pontevedra
28 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Esta fin de semana, as baixas presións centradas en Irlanda manterán a situación de alta probabilidade de precipitacións en toda Galicia. As temperaturas van moverse entre os 7 e os 12 graos. Segundo Meteogalicia, ata o xoves 4 de abril permanecerá unha probabilidade de chuvias por riba do 80 por cento

Imaxe da borrasca en Ons durante este xoves 28 de marzo Meteogalicia

Este final de marzo e o inicio do mes de abril virán marcados pola presenza habitual de precipitacións nas Rías Baixas.

Este xoves festivo, 28 de marzo, as Rías Baixas continúan baixo a influencia da borrasca Nelson, centrada en Irlanda. Manteranse intervalos nubrados con precipitacións persistentes e xeneralizadas nas horas centrais do día, máis abundantes no sur de Galicia.

A cota de neve subirá nas horas diúrnas e baixará de novo a 1.000 metros a últimas horas da xornada. As temperaturas situaranse entre 8 e 11 graos con ventos que soprarán do suroeste, con intervalos fortes na provincia de Pontevedra durante a tarde, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.

Durante o venres 29 tamén se manterán os efectos da borrasca situada ao noroeste de Irlanda. Estableceranse intervalos nubrados con chuvascos intermitentes máis probables durante a mañá e no oeste de Galicia. As temperaturas moveranse entre 7 e 13 graos. O vento soprará do oeste-suroeste, moderado no litoral.

Tamén o sábado 30 continuará a mesma configuración atmosférica desta semana Santa, con baixas presións centradas en Irlanda. Os ceos seguirán nubrados nas Rías Baixas con chuvascos que entrarán polo sur, máis intensos e abundantes durante a tarde. A cota de neve baixará ata os 1.000 metros durante a noite. As temperaturas continuarán sen apenas cambios, entre 7 e 12 graos. Os ventos soprarán de sur fortes durante a mañá e cambiando a frouxos de oeste ao longo do día.

Na xornada do domingo e no inicio da primeira semana de abril, as baixas presións e os ventos do suroeste serán a tónica xeral en Galicia, con alta probabilidade de choiva, superando o 80 por cento ata o xoves. As temperaturas presentaranse algo máis suaves.