Performance veciñal para simbolizar a morte de Lourizán ante a ampliación da depuradora

Pontevedra
03 de novembro 2019

Con motivo da celebración de Defuntos, a Plataforma Veciñal de Lourizán recreaba este domingo o 'Camposanto da Dignidade' e anuncia unha convocatoria aberta a toda a cidadanía para levar a cabo unha concentración o venres 8 de novembro ás 20.00 horas ante a Audiencia Provincial de Pontevedra

Performance de protesta 'Camposanto da Dignidade' en Lourizán

Por segundo ano consecutivo, a Plataforma Veciñal de Lourizán desenvolvía este domingo un orixinal acto de protesta con motivo da celebración do Día de Defuntos e recreaba o 'Camposanto da Dignidade' dos Praceres.

A través de cruces e ataúdes, as persoas que participaron quixeron simbolizar o enterro da parroquia de Lourizán con motivo do proxecto da Xunta de Galicia de ampliación da estación depuradora. Entenden que esta iniciativa supón un "atentado contra o sentido común". Alegan que Lourizán é a fachada litoral de Pontevedra e en lugar de ocupar un espazo central dentro do desenvolvemento urbano converteuse no "patio traseiro" do municipio.

Por este motivo critican a acción da Xunta a quen culpan de negarlle o futuro a Lourizán e a Pontvedra. Ante esta situación, este domingo anunciaban a convocatoria aberta a toda a cidadanía para lanzar un SOS en apoio á parroquia. Teñen previsto concentrarseo venres 8 de novembro ás 20.00 horas ante a Audiencia Provincial de Pontevedra. Alí pedirán 'Xustiza para Lourizán' coa reclamación dunha fachada marítima e non toneladas de formigón como, entenden, se contempla no proxecto de ampliación da estación depuradora.