"Es una decepción y una sorpresa muy inesperada". Non ten ningunha dúbida Perfecto Rodríguez de que os resultados do 24 M foron malos para o PP en Ponte Caldelas. O alcalde en funcións e líder dos 'populares' móstrase desilusionado tras a xornada electoral, na que o seu partido perdeu a maioría coa que gobernou dende as primeiras eleccións democráticas.
O futuro político en Ponte Caldelas quedou moi incerto. O PP segue sendo a lista máis votada, pero os seis concelleiros obtidos dificúltanlle gobernar, pois o resto dos partidos que entraron na Corporación suman máis representantes: tres do PSdeG-PSOE, dous da agrupación veciñal AVP e dous do BNG.
Gobernar en minoría negociando casa asunto clave é unha opción "lógicamente no descarto", pero recorda que "no está en mi mano si las otras fuerzas deciden unirse y hacer un pacto de Gobierno entre ellos". De momento non existen conversacións para fixar quen accederá á Alcaldía, pero se espera que se produzan nos próximos días.
Perfecto Rodríguez recoñece que "no me imaginaba que pudiera pasar algo así", pois si recoñece o desgaste xeral que sufriu o PP en todas as frontes, pero el optou por unha campaña electoral centrada no local na que non tocou a política nacional. Tampouco se podía imaxinar que a polémica xurdida nos dous últimos meses no municipio pola instalación dun crematorio na Reigosa o castigase desta forma nas urnas.
"Tuvo un impacto mucho mayor del que me podía imaginar, nunca pude imaginar que instalar un crematorio en un polígono industrial generase esa polémica y ese castigo", valora, decepcionado porque cre que a súa xestión á fronte de Ponte Caldelas nos últimos catro anos foi "muy buena" e se viu escurecida por unha polémica da que se alimentaron o PSOE de Andrés Diaz e a AVP de Alfonso Gutiérrez.