Peregrina sen touros. Suspendida a feira taurina de Pontevedra

Pontevedra
17 de xullo 2020

Nun conciso comunicado dirixido aos medios de comunicación, a xerencia indicaba que "Tras a consulta coas correspondentes autoridades e ante o risco evidente do Covid'19, suspéndese a Feira Taurina da Peregrina 2020"

Eduardo e Pablo Lozano na presentación da Feira Taurina 2018 Mónica Patxot

Despois de moitos rumores e tras barallar as diversas opcións que a situación sanitaria podería permitir, a xerencia da Praza de Touros de Pontevedra comunicaba a medio día deste martes a súa decisión definitiva de suspender a edición deste ano 2020 da Feira Taurina da Peregrina.

Nun conciso comunicado dirixido aos medios de comunicación, a xerencia indicaba que "Tras a consulta coas correspondentes autoridades e ante o risco evidente do Covid'19, suspéndese a Feira Taurina da Peregrina 2020".

A continuación, a nota continuaba dicindo: "Facémolo con pesar e a maior responsabilidade en beneficio da festa e a afección de Pontevedra", para finalizar indicando que "Desexamos que esta situación sanitaria pase canto antes e poder pensar xa na organización da Feira da Peregrina 2021".

Postos en contacto cun dos propietarios da Praza de touros, Eduardo Lozano, que xa se atopa en Madrid tras finalizar en Pontevedra os seus intentos de levar a bo porto a organización de polo menos unha corrida (aínda que se chegou a especular con que fosen dúas), comentaba a PontevedraViva que as condicións que se lle impoñían para celebrar os festexos facían inviable a súa organización: "Unha distancia de 1,5 metros nos tendidos e unha capacidade máxima de 800 espectadores é impensable, non sería rendible economicamente. As autoridades non queren posibles problemas e a empresa sería responsable de calquera rebrote que puidese producirse como consecuencia da apertura da praza. Ante  ésto, digamos que mo puxeron para saír correndo".

"Ademais -continuou Eduardo Lozano-, no peor dos casos, se se producise outro rebrote a dous días da celebración do festexo e con todo preparado poderíannolo suspender, co que as perdas serían inasumibles. Con 40 anos que levamos xestionando a praza de Pontevedra fódeme ter que suspender por vez primeira, pero non nos queda máis remedio. Iso e confiar que o ano que vén podamos volver con máis forza".

O empresario manifestaba que as xestións para poder televisar as corridas estaban en bo camiño, e mesmo que o cartel podía acoller á maioría das grandes figuras do escalafón: "Este ano, coa gran maioría de feiras suspendidas, estaban dispoñibles case todos, pero que se lle vai a facer, non queda máis que aguantar e confiar en que dentro dun ano todo volva á normalidade".

Como gandeiro, preguntado polas consecuencias que a suspensión de festexos están a ocasionar para as cuadras, Lozano comentou: "Moitas ganderías non van poder aguantar. Os custos de seguir alimentando aos animais durante todo un ano son moi elevados, e ademais, como só se poden lidar touros ata unha idade de quinqueño, obrígannos a mandar directamente ao matadoiro todos aqueles animais que teñamos nas cañadas que agora teñan xa cinco ou máis anos, porque de aquí a un ano non serán lidiables e iso supón unhas perdas que máis dun non poderá aguantar".