No recinto conventual de Santa Clara seguen caendo balóns. É unha circunstancia que se repite ao longo dos anos. Un mal chute xogando na praza de Barcelos eleva a pelota por encima do muro perdendo o dono do esférico a posibilidade de recuperalo… ata o de agora.
O Concello de Pontevedra abre unha vía para que todas aquelas persoas que queiran recuperar o seu balón poidan reclamalo a través das redes sociais corporativas do Concello ou escribindo un correo electrónico á dirección comunicacion3@pontevedra.eu
"O único que lles imos a pedir é que manden unha breve descrición do balón", comentou este luns a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías.
A concelleira tamén avanzou que o Concello ten previsto facer unha exposición cos balóns perdidos en Santa Clara.
Como anécdota, nas xornadas de portas abertas desta fin de semana as visitas guiadas ao cenobio concluían cunha mostra dos balóns perdidos. Os arqueólogos comentaban que atoparon preto dun centenar de balóns.
"Para os nostálxicos", a concelleira convida a aqueles adultos que perderon algún balón tras os muros de Santa Clara cando eran nenos a que proben sorte para tentar recuperar aquel xoguete da infancia. Aquel tan duro de "Mikasa" ou algún co logo do "Naranjito", mesmo co osito "Misha".
Dende o Concello de Pontevedra informaron que pouco despois de publicarse esta noticia "Xa recibimos a primeira das peticións e xa foi localizada a pelota perdida. Pronto lle será entregada ao dono".