Percorrido polo Monte Pituco de Marín para evitar a construción dun polígono industrial

Marín
24 de agosto 2014

Preto de 80 persoas participaron este domingo 24 na andaina organizada pola Asociación Monte Pituco para coñecer este espazo natural e o seu patrimonio arqueolóxico coa idea de facer fronte ao proxecto que teñen sobre a mesa a Xunta de Galicia e o Concello de Marín

Participantes no percorrido polo Monte Pituco
Participantes no percorrido polo Monte Pituco

Preto de 80 persoas participaron este domingo 24 na andaina organizada pola Asociación Monte Pituco para coñecer a paisaxe e o patrimonio arqueolóxico deste espazo natural que supón o Monte Pituco (Pornedo) e reivindicar a súa conservación ante o proxecto que o Concello de Marín e a Xunta teñen previsto para construír un polígono industrial na zona.

A asociación afirma que xunto aos bens de interese cultural protexidos existen mananciais naturais, especies de flora endémica e fauna que se vería ameazada coa execución do proxecto. Ademais, os integrantes do colectivo alegan que existe un forte desnivel que faría inviable unha obra destas características.

Durante a visita ofrecéronse explicacións sobre gravados rupestres, mámoas, elementos de interese etnográfico e lendas relacionadas co Monte Pituco. Entre os relatores participou Ramón Laxe, da Comunidade de Montes de Salcedo, que explicou os traballos de recuperación e a posta en valor que se está a acometer de muíños, petroglifos e a ordenación dos recursos forestais. Tamén interveu Xilberte Manso, do Instituto de Estudos Miñoranos, un colectivo de Val Miñor con ampla experiencia na divulgación do patrimonio arqueolóxico.

Membros de agrupacións sociais, culturais e políticas como Queremos Galego Marín, Anova, Colectivo Nacionalista de Marín e Círculo Podemos tamén realizaron a marcha na que se observaron varios petroglifos e a mámoa de Sete Camiños, a fonte de Prata e Chan das Mouras en Salcedo, ademais do monte e o sepulcro de Catadoiro en Lourizán, para finalizar no conxunto rupestre de Pornedo e no miradoiro dende o que se divisa unha panorámica de toda a ría.

A Asociación Monte Pituco ten previsto organizar unha nova andaina en setembro en horario de tarde para apreciar os gravados rupestres á luz do atardecer.

Arquivado en