O parque dos Gafos acolleu este sábado 2 de xullo unha Festa do Orgullo marcada pola intensa calor. As altas temperaturas vividas en Pontevedra, sobre todo á primeira hora da tarde, provocou que a xente fuxise á praia e só pequenos grupos acudisen a celebrar o Orgullo.
Iniciouse a xornada coa música de 'Llegamos tarde' DJ's, que amenizou a sesión vermú a partir das 13:30 horas. A continuación, o posto de comida e bebida abriu as súas portas para comezar co Xantar Colorido e repoñer forzas para a sesión de tarde.
Baixo a sombra das árbores para aguantar o mellor posible a calor e en diversos grupos repartidos por todo o parque, o taller drag con Chex Nova e o taller 'Pinta e Colorea' puxéronse ao choio para impartir clases de maquillaxe a todo o que quixese, acompañados da música de Ariezzz DJ e Meiga-i e 'A Drag Pandereteira'.
Ademais, aproveitaron para elaborar as pancartas coas que reivinciarán a diversidade e o amor libre na manifestación que sairá ás 20:00 horas do Provincial.
A festa continuará en sesión de noite, entre as 21:30 e a 1:00, con actuacións de 'Llegamos tarde' DJ' s e Ariezzz DJ e un concerto de Bratzantifa.