Pepo Suevos, pregoeiro da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

Umia
06 de febreiro 2024

O actor e cómico ferrolán José López-Suevos, coñecido artisticamente como Pepo Suevos, será o día 3 de marzo o encargado de dar o pregón da XXV edición da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

O actor Pepo Suevos Pepo Suevos

José López-Suevos, coñecido artisticamente como Pepo Suevos, será o domingo 3 de marzo o encargado de ofrecer o pregón da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis, que este ano chega ao seu 25 aniversario.

A súa intervención terá lugar a partir das 12.00 horas na Praza da Constitución do municipio.

Pepo Suevos presenta unha ampla traxectoria profesional, que se iniciaba como contacontos. 

Ao longo dos anos participou nunha vintena de películas con papeis secundarios, desde 'Entre bateas' (2002), do director Jorge Coira. 

Popularmente é moi coñecido polos seus papeis en series televisivas da TVG como 'Rías Baixas', 'Terra de Miranda', 'As leis de Celavella' 'Padre Casares', 'Matalobos', 'Mareas vivas', 'Pratos combinados', 'Libro de familia' e 'Pepe O inglés'. Ademais participou en espectáculos televisivos tan populares como 'O show dos Tonechos' ou 'Luar'.

Tamén interveu en series de canles privadas de ámbito nacional como 'Hospital Central' e 'Fariña'.