Pepe Solla, pregoeiro da Peregrina polo seu prestixio profesional e o seu labor solidario durante a pandemia

Pontevedra
03 de agosto 2020

O chef estrela Michelín mostrouse moi agradecido pola honra de ler o pregón, pois considera que "unha das cousas máis bonitas que che poden pasar é que os teus veciños, a xente que te rodea, te chame e che pida cosas" e aplaude que a lectura pase de Mugartegui ao palco da música da Alameda 

Pepe Solla e Carme da Silva Cristina Saiz

O O chef pontevedrés estrela Michelín Pepe Solla será este ano 2020 o pregoeiro das festas da Peregrina, que o vindeiro sábado 8 de agosto dará inicio á semana grande das festas do verán de Pontevedra cunha imaxe tan atípica como a propia pandemia sanitaria do coronavirus que cambiou toda a programación festiva da cidade. 

A lectura do pregón deixará o habitual balcón do Pazo de  Mugartegui para instalarse no palco da música da Alameda e farase a partir das 12 da mañá #ante un público sentado e con control de aforo, como todas as actividades organizadas nas últimas semanas no marco do programa ‘Pontevedra vívese’.  

A concelleira de Festas de Pontevedra, Carme d Silva, deu a coñecer este luns o nome do pregoeiro e explicou que "reúne todas as características" para ser o responsable do tradicional pregón, polo seu " prestixio profesional", como fundador do grupo Nove e coa Estrela  Michelín do seu restaurante Casa Solla de Poio, pero tamén polo seu papel como "embaixador de Pontevedra e da súa comarca por onde vai", por poñer "o prestixio da resturación  galega ao máis alto nivel" e polo seu papel solidario durante a pandemia. 

Así, destacou que, xunto ao seu equipo, cociñou para os usuarios do comedor de San Francisco de Pontevedra tres días á semana durante os tres meses máis duros da pandemia e o confinamento, dando comida a 150 persoas diarias. Tivo "un papel activo moi importante durante os peores momentos" e representa o "comportamento solidario e responsable da sociedade" durante o estado de alarma

Ademais, Pepe  Solla falará desde o balcón da Alameda representando a un sector, o da hostalería e a restauración, que está a vivir "con  moitísimas dificultades" o proceso de recuperación da actividade económica, tras permanecer meses pechados e agora facelo con restricións e no medio dunha crise sanitaria e económica global. 

Pepe Solla é, para Carme da Silva, "a  persoa perfecta para facer o pregón" nun verán no que se tivo que reinventar, en xeral, "como afrontar a vida" e no que as propias festas tivéronse que reinventar. O propio pregón redefiniuse ao facerse nun espazo máis amplo e aberto que dá á Alameda un espazo central da programación festiva. 

O chef mostrouse moi agradecido pola honra de ler o pregón, pois considera que "unha das cousas máis bonitas que che poden pasar é que os teus veciños, a xente que te rodea, te chame e che pida cosas" e móstrase "encantado" e "honrado" de ser escollido nun ano "distinto, especial" coma este. 

Ademais de aplaudir a nova fórmula festiva de Pontevedra este verán, na que as actividades se han repartido por toda a cidade, "unha forma de que a  cidade se sinta activa e viva", tamén considera que é unha boa elección o cambio do pregón ao palco da música da Alameda, porque o lugar é "moi bonito" e fai referencia a un dos seus hobbies, a música. En todo caso, si aclarou, a preguntas dos xornalistas, que non levará a súa guitarra. 

En relación co seu papel solidario durante a pandemia, destacou que lle gusta pensar que o traballo realizado por el e o seu equipo pode servir  "para que máis xente se faga consciente de situacións que neste momento se agravaron, pero que non quere decir que deixen de existir" superados os momentos máis duros da crise sanitaria. 

O pregón aínda non o ten escrito, senón que, como lle sucede cando se pon ante os fogóns, "cústame programar os platos e cando chegan os produtos é cando empezo a cociñar". Neste caso, leva días dándolle voltas e pensando.