A concelleira do Partido Popular, Pepa Pardo, alzou a voz en defensa dos dereitos dos traballadores do Concello de Pontevedra, denunciando a xestión do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a situación crítica na que se atopa a Policía Local.
Pardo sinalou que o goberno mostrou unha "nula xestión en materia de persoal" durante máis de vinte anos, o que levou a unha deterioración nas condicións laborais dos traballadores municipais e, en concreto, dos axentes policiais.
A Policía Local de Pontevedra, segundo a representante popular, presenta un "persoal insuficiente" ao permanecer 25 prazas sen cubrir, o que representa un 20% do persoal, segundo os datos que lle facilitaron os sindicatos policiais.
Explicou que, a 31 de decembro de 2024, o Concello de Pontevedra contaba con 77 prazas cubertas de axente policiais, das 94 que lle corresponden dun cadro de persoal total de 122 contando con outros postos neste servizo.
Ademais, Pardo denunciou que non se respectan os dereitos laborais dos axentes e sinala que tampouco dispoñen de material axeitado para realizar as súas funcións.
Segundo as súas declaracións, os vehículos utilizados pola policía presentan un mantemento deficiente, con discos de freo e rodas en condicións inaceptables: "Os vehículos teñen discos de freo que xamais se cambiaron ou rodas con máis de quince anos de uso, con tapicerías e teitos descolgados".
Explicaba que esta situación provocou unha fuga de policías locais cara a outros Concellos, con case 20 axentes que se trasladaron a municipios próximos e dez que actualmente solicitaron a praza de mobilidade, principalmente ao municipio de Vigo.
"Os policías non permanecen en Pontevedra tanto por condicións persoais, laborais e económicas", asegurou para alertar da "fuga" de axentes.
Pardo puxo de relevo que esta crise se agrava cun problema de convivencia social en áreas como A Ferrería e Campolongo, onde os comerciantes e veciños sofren furtos e comportamentos inadecuados por parte de grupos de persoas, segundo apunta.
Ante esta situación, o Partido Popular anunciou a súa intención de presentar unha moción no próximo pleno para solicitar o reforzo da Policía Local, incluíndo un incremento de patrullas a pé e a mellora dos recursos para os axentes.
"Chámanos a atención que se venda este modelo de cidade sen coche e a policía só utiliza vehículos", insistiu a concelleira do PP en relación ás patrullas.
Pardo salientou a necesidade de priorizar o benestar de quen coidan da seguridade da cidade, cuestionando as decisións do alcalde que, segundo ela, favoreceron "caprichos" en lugar de investimentos na policía e utilizou como exemplo a montaxe e desmonte do skatepark da rúa Raíña Vitoria cun investimento de máis de 12.000 euros.
"Se esta situación ocorrese nunha empresa privada, habería consecuencias inmediatas", afirmou Pardo, instando a administración local a actuar con urxencia para mellorar as condicións de traballo e garantir a seguridade dos cidadáns.