Protesta con denuncia: a pensión media en Galicia está 173 euros por debaixo do resto de España

Pontevedra
07 de novembro 2024

Este xoves 7 concentrábanse pensionistas e persoas xubiladas, convocadas pola CIG, na praza da Peregrina reclamando a equiparación das pensións mínimas co Salario Mínimo Interprofesional

Protesta de pensionistas da CIG CIG

Este xoves 7 de novembro, a praza da Peregrina en Pontevedra foi o escenario dunha nova concentración de pensionistas e persoas xubiladas convocada pola CIG.

O motivo desta mobilización é a denuncia das pensións galegas, que se sitúan entre as máis baixas do Estado.

A pensión media en Galicia é case 15 puntos inferior á estatal, o que supón 173 euros menos ao mes.

Os manifestantes esixen a equiparación das pensións mínimas co Salario Mínimo Interprofesional, que debera ser de 1.253 euros, conforme á Carta Social Europea.

Tamén demandan a revalorización das pensións segundo o IPC acumulado a final de ano e a recuperación do poder adquisitivo perdido desde a introdución do índice do IPC medio en 2021.

O colectivo advirte que a situación non mellorará se non se derroga a reforma das pensións, que consideran dificulta o acceso a pensións dignas e reduce as súas contías.

A pensión mínima contributiva en Galicia é de 825,20 euros mensuais, mentres que a non contributiva é de 517,9 euros, cifras que consideran insuficientes ante a escalada de prezos.

Ademais, a fenda de xénero nas pensións é do 33,6%, xa que as mulleres cobran de media 421,88 euros menos que os homes.

Isto débese a que, aos 65 anos, a diferenza nas cotizacións é de 11 anos, con homes cotizando de media 35,6 anos fronte aos 24,5 anos das mulleres.

Finalmente, o colectivo alerta de que ningún galego ou galega chega aos 65 anos con 38 anos e medio cotizados, requisito necesario para xubilarse a esa idade.