Pedro Duque asegura que "no es tiempo de gobiernos conservadores"

Pontevedra
02 de xullo 2020

Gonzalo Caballero anuncia que un goberno socialista creará unha Consellería de Ciencia e Innovación. O ministro chama a "apostar por el futuro" da man dunha persoa "con tanto impulso, con tanta energía y con las ideas tan claras" como Gonzalo Caballero

Mitin de Gonzalo Caballero en Pontevedra Mónica Patxot

O ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, foi o protagonista dun mitin que o PSdeG deu este mércores na Praza da Ferrería de Pontevedra no que subliñou a importancia do cambio en Galicia para "dar más oportunidades a nuestros hijos y nuestros nietos".

"No es tiempo de gobiernos conservadores", recetou Pedro Duque, quen chamou a "apostar por el futuro" da man dunha persoa "con tanto impulso, con tanta energía y con las ideas tan claras" como Gonzalo Caballero. "Espero que seas el próximo presidente de la Xunta", dixo.

O encargado de abrir o acto foi o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, quen ao igual que a número tres pola candidatura socialista por esta provincia, Paloma Castro, chamou a "encher as urnas de votos socialistas" o 12 de xullo despois de 11 anos nos que Feijóo "non fixo nada" por Pontevedra.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pediu o voto para o PSdeG por "un cambio que saque a Galicia da cola".

Finalmente, o candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, anunciou que un goberno socialista creará unha consellería de Ciencia e Innovación no goberno galego, para apostar pola vangarda dende Galicia en liña coas demandas dos investigadores, ao tempo que recalcou que "o voto ao PSdeG é a única forma de construír unha Galicia mellor".

"Quero ser presidente para construír unha Galicia mellor, porque non é o mesmo cando goberna a esquerda que cando goberna a dereita", recalcou dende Pontevedra.

"Estamos como motos, con impulso, con forza e con ganas, porque cada día se reactiva máis a maioría progresista que quere sacar ao PP da Xunta", destacou Gonzalo Caballero, convencido de que esta crise "esixe unha resposta progresista".

Por iso, apelou a esa "Galicia unida que quere sanidade e educación públicas, que quere igualdade, que pensa na xente" e chamou a votar ao PSdeG poñendo fin aos 11 anos do PP de Feijóo.

E, tras criticar que Pontevedra non tivo en Feijóo "un aliado", senón todo o contrario, Gonzalo Caballero garantiu apoio a esta cidade cando sexa presidente.