Pedro Blanco, delegado do Goberno, supervisa a mellora da calidade urbana na rúa Bernardo Sagasta de Cuntis

Umia
21 de outubro 2023

Indicou durante a visita que o goberno de Pedro Sánchez aposta polo Cuntis do futuro cun investimento de case 580.000 euros para mellorar a vida dos cuntienses. Incidiu tamén no compromiso coa seguridade na N-640, cun novo contrato de servizos de mantemento e mellora por importe de máis de dez millóns de euros

Manuel Campos, alcalde de Cuntis, fala co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Delegación do Goberno en Galicia

Pedro Blanco, delegado do Goberno, achegábase nas últimas horas a Cuntis para indicar que o goberno de Pedro Sánchez está a apostar pola vila termal do futuro, cun investimento de case 580.000 euros para favorcer a mobilidade máis verde e sostible.

Supervisou, xunto ao alcalde socialista Manuel Campos, o proxecto para mellorar a calidade urbana da rúa Bernardo Sagasta, que levará a cabo cun investimento do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO). Atópase en fase de licitación e adxudicarase proximamente cun prazo de execución de catro meses a partir do inicio das obras.

Os traballos tamén afectan a un tramo da estrada N-640 ao seu paso polo centro urbano de Cuntis. Está previsto que se reordene o tráfico creando unha nova sección do vial con beirarrúas e unha plataforma viaria de cinco metros de ancho con espazo para aparcamento intercalada con árbores.

Tamén se executarán obras de acougado de tráfico creando, ademais, unha senda ciclista de dous metros de ancho nos 800 metros de intervención entre Bernardo Sagas e a N-640. Está prevista unha mellora da iluminación, que permitirá unha rebaixa no consumo anual de enerxía.

Destacou tamén o compromiso do Ministerio de Transportes coa N-640 para o mantemento e mellora desta vía. O contrato de servizos atópase en licitación por un importe de 10.466.388 euros. Melloraranse os firmes da estrada entre Cuntis e Caldas de Reis.

Ademais, subliñou o compromiso do Goberno central co desenvolvemento industrial do municipio e a actividade económica co proxecto de ampliar o Polígono Industrial da Ran cun investimento de case seis millóns de euros, entre outras propostas.