A oficina de Abanca en Seixo, en Marín, botou o peche definitivo este mércores 21 de xullo.
Nas últimas horas de actividade da oficina situada no número 76 da céntrica avenida Doutor Otero Ulloa, achegábanse ata a entidade membros da Asociación de Comerciantes Marín Sur (ACEMAS), representados pola súa presidenta, Cristina Souto, e Manuel Solla, o tesoureiro.
Fixéronlle entrega á persoa responsable neses momentos na oficina de 1.500 sinaturas de apoio para evitar o peche da sucursal de Abanca.
Desde a asociación de comerciantes reiteran que o peche desta oficina "deixa á zona de Seixo e os seus arredores sen un servizo básico para os seus veciños, que terán que desprazarse ata Marín para facer as súas xestións diarias, e o que é peor, deixa tamén a todos os comerciantes da asociación sen servizos básicos para este colectivo tan importante no comercio local".
Engaden os comerciantes locais que apoiarán calquera outra entidade que queira instalarse en Seixo, en detrimento de Abanca.