Desde as 08.00 horas deste luns 23, o colectivo de celadores do Hospital Montecelo iniciaba un peche no auditorio deste centro hospitalario que durará 24 horas. Durante esta xornada tamén mostraban a súa pancarta con concentracións na entrada do hospital recibindo o apoio dalgúns pacientes.
A intención, segundo afirma o portavoz Gustavo Olmedo, é que quede visible a situación deste persoal que leva anos reclamando melloras. A última reclamación producíase o xoves 19 ante a dirección da xerencia da área sanitaria, liderada polo xerente José Flores, que atendía as súas peticións e prometía estudalas.
Este colectivo alerta da necesidade de que se renoven as padiolas e as cadeiras de rodas coas que traballan tanto no servizo de Urxencias como nos quirófanos de Montecelo. Demandan a dignificación no sistema de contratacións con contratos temporais de maior duración e un espazo determinado para este persoal no Gran Montecelo.
Outra das reclamacións xa históricas dos celadores céntrase en que pasen a ser considerados categoría sanitaria. Alegan que realizan actividades de carácter sanitario e, con todo, carecen desa cualificación. senten, por este motivo, discriminados en relación a celadores de Navarra, onde se teñen categoría profesional sanitaria.