Pecha un mes de homenaxe á troita en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
21 de maio 2023

Este domingo tamén chegou ao seu fin o Concurso Internacional de Pesca Deportiva da Festa da Troita, organizado pola Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas, e que este ano gañou José Luis Blanco González

Entrega de premios do Concurso Internacional de Pesca da Festa da Troita Concello de Ponte Caldelas

A Festa da Troita 2023 baixou o pano este domingo reafirmándose como un punto de encontro da cidadanía. Como xa é habitual, miles de persoas participaron nas celebracións desta festa que comezou a festexarse en 1966 e que nos últimos anos, ademais da fin de semana grande no centro de Ponte Caldelas, celebra actos por todas as parroquias. 

"Somos o único municipio non só de Galicia, senón de España, que ten unha festa gastronómica que dura todo un mes", destacou este domingo o alcalde, Andrés Diaz, que engade que o éxito "danllo os propios veciños, que se xuntan, que abren as súas casas do pobo e que fan tantos postres caseiros que xa perdemos a conta".

Para o alcalde, a Festa da Troita é tamén unha testemuña de como Ponte Caldelas é "un concello acolledor que rexurde, vive e latexa con todas as persoas que percorren cada camiño, cada sendeiro, cada praza", e tamén que coida o río Verdugo, "un río sen o que non habería esta festa e sen o que este pobo e estas xentes non teríamos futuro".

Este domingo tamén chegou ao seu fin o Concurso Internacional de Pesca Deportiva da Festa da Troita, organizado pola Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas, e que este ano gañou José Luis Blanco González

O gañador, da Sociedade Padrón, fíxose co primeiro posto da categoría sénior ao acadar a maior puntuación por capturas.

O segundo posto foi para Luis Esperón Pérez (Verdeseixo) e o terceiro para Alberto Garrido (Verdeseixo).

A troita máis grande acadouna Manuel Lois Martínez (Sociedade Carballedo), que capturou un exemplar de 43 centímetros e 806 gramos de peso.

Na categoría de sociedades, o primeiro posto foi para a Sociedade de Padrón, o segundo para a Sociedade Verdeseixo e o terceiro para a Sociedade de Pesca de Carballedo.

En veteranos o primeiro posto acadouno Manuel Mariño Varela, da Sociedade Río Ulla, o segundo Bernardino López Ferreira, de Verdeseixo, e o terceiro Raúl Mariño Teira, da Sociedade Río Ulla. Este último donou o seu galardón ó participante de maior idade da categoría infantil, Iván Moledo.

Na categoría feminina gañou Nieves Iglesias Carrera (ADN Ribadavia) e o segundo posto foi para María del Pilar Alonso Villar (ADN Ribadavia).

Na categoría infantil gañou Carolina Valenciaga Peleteiro e seguírona Ainara Estévez Peleteiro, as dúas da Sociedade Verdeseixo, e Samuel Borja García (ADN Ribadavia)

O certame celebrouse durante a fin de semana e o acto de entrega de premios tivo lugar este domingo na Alameda de Ponte Caldelas. O acto, conducido pola concelleira Leticia Rocha, contou coa participación do alcalde; os concelleiros Enrique Vidal, José Manuel Garrido, Aurora Garrido e José Manuel Martínez; e varios representantes de Verdeseixo, Santiago Pérez, Manuel Iglesias, Jesús Garrido e Manuel Ángel Cabanelas.