Paz, unión e protección para a cidadanía pontevedresa, petición de Rafa Domínguez na ofrenda á Peregrina

Pontevedra
11 de agosto 2024

 Ás 21.00 horas vai desenvolverse a procesión coa presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia

Ofrenda institucional á Virxe Peregrina Mosrey Fotografía

Este domingo 11 de agosto, no marco das Festas da Peregrina, celebrouse a tradicional ofrenda institucional á patroa da provincia no Santuario da Virxe Peregrina.

O encargado de realizar a advocación foi o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, quen pediu paz, unión e protección para os pontevedreses diante da figura relixiosa.

"Pedímosche, Virxe Peregrina, que nos axudes a seguir loitando contra o sufrimento da xente e as inxustizas sociais. Na túa infinita compaixón e sabedoría, imploramos a túa intercesión para aliviar as penas dos máis vulnerables, ofrecéndolles esperanza e consolo nos momentos máis difíciles", manifestou o vicepresidente.

A continuación pedía á Virxe Peregrina que sea guía "nos nosos esforzos para erradicar as desigualdades e traballar pola dignidade e o benestar de todos os cidadáns. Que a túa luz ilumine o noso camiño, fortalecéndonos na nosa misión de
construír unha sociedade máis xusta e solidaria, onde cada persoa poida vivir con dignidade e en paz".

Tamén quixo agradecer o labor dos servizos sanitarios "cuxa entrega e dedicación son fontes inesgotables de esperanza e vida para todos", un xesto significativo dada a súa profesión como facultativo.

"Como médico, coñezo de primeira man os retos e sacrificios que implican coidar da saúde e do benestar dos nosos veciños. Na nosa vocación e servizo, vemos reflectidos os valores que celebramos hoxe na ofrenda á Virxe Peregrina: a compaixón, o sacrificio e a solidariedade. Grazas os meus compañeiros por ser un piar sobre o que se sustenta a nosa sociedade, e por cada sorriso, cada palabra de alento, e cada xesto de compaixón que brindades día tras día", expresou.

Durante a súa intervención, Domínguez lembrou as persoas que padecen enfermidades mentais, destacando a necesidade de apoiar e coidar a saúde mental da cidadanía.

Esta ofrenda tivo lugar durante a misa oficiada polo arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto, e contou coa presenza do presidente da Deputación, Luis López, quen fixera a ofrenda o ano pasado, así como doutros membros da corporación provincial.

Esta mesma tarde, a partir das 21.00 horas, Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, participará na comitiva da procesión polo centro da cidade e estará acompañado por Luis López, Rafa Domínguez, Luisa Sánchez, os tres máximos mandatarios da Deputación provincial.