A vía local denominada Camiño de Pazo, que articula unha zona do núcleo rural da parroquia de Couselo, no municipio de Cuntis, foi reformada e pavimentada cun orzamento de ao redor de 20.000 euros, financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Santos Héctor, deputado provincial, e Manuel Campos, alcalde de Cuntis, visitaban este martes a zona na que se acometeron os traballos. Neste espazo realizouse un fresado do pavimento anterior cunha pavimentación con asfalto dun pequeno tramo, mentres que nas entradas ás vivendas aplicouse formigón puído, mellorando os accesos.
O Concello tamén acometeu a canalización para o saneamento das augas residuais e colaborou coa veciñanza para a creación da nova rede de auga potable.
A Deputación desde 2015 investiu máis de 5,3 millóns de euros no municipio de Cuntis e este ano o Plan Concellos destina outros 600.000 euros para realizar novas obras e servizos.