Paula Dapena: "Volvería repetir ese xesto unha e outra vez"

Pontevedra
14 de xaneiro 2021

A xogadora pontevedresa do Viaxes Interrías recibirá o premio Cidade de Pontevedra pola súa valentía á hora de negarse a gardar un minuto de silencio por Maradona durante un partido de fútbol, a defensa dos valores feministas e a denuncia de actos violentos e machistas como os que o astro arxentino protagonizou durante a súa vida

Paula Dapena Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra entregará o premio Cidade de Pontevedra, na súa categoría individual, á futbolista pontevedresa Paula Dapena polo seu compromiso na defensa do feminismo, a igualdade e a condena da violencia machista. Un recoñecemento que a futbolista nunca pensou recibir e que se considera afortunada pola repercusión dun xesto que "moitas persoas tamén fixesen se estivesen nese momento e lugar".

A deportista, de 24 anos de idade, graduada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e que actualmente cursa un máster de profesorado; foi portada dos informativos de todo o mundo ao negarse a gardar un minuto de silencio por Maradona, un xesto que lle granxeou miles de mensaxes de apoio, pero tamén múltiples ameazas e insultos dos fans máis incondicionais do astro arxentino que Dapena pensa denunciar diante da Policía. 

- Parabéns polo premio Cidade de Pontevedra. Como estás?

Moitas grazas. Alégrame moito que un xesto como o que tiven representase a tanta xente e se valore. Non me esperaba que mo concedesen. Si que tivo moita repercusión e foi un xesto bonito, pero sei que moitas persoas tamén o farían se estivesen no momento e lugar para facelo. Eu creo que tiven bastante sorte de estar aí para poder facelo. Non pensaba que mo fosen a dar.

- É o premio de maior prestixio que se entrega na cidade de Pontevedra

Con todo o que pasou aínda non tiven moito tempo para procesalo. Foi todo moi rápido e non mo esperaba para nada.

- Agora que pasaron xa case dous meses desde que fixeches ese xesto que deu a volta ao mundo, como valoras todo o ocorrido?

Eu sentinme moi apoiada en todo momento. Volvería repetir o xesto unha e outra vez. Sei que agora teño a voz e son a cara para dar voz a moitas mulleres. Estou moi contenta. 

- Recibiu mensaxes moi duras en redes sociais, non lle afectaron?

Ao principio levábao ben. Simplemente pasaba de todas esas mensaxes. Si que en canto empecei a procesar todo o que estaba a pasar, si que me afectou un pouco máis. Pensaba que por que tiña que aguantar eu todo iso se o único que fixen foi utilizar a miña liberdade de expresión e merézome respecto como todo o mundo. Si que foi complicado, pero con todo o apoio que tiven, esa parte quedou apartada e non chegou a afectarme tanto como podería facelo.

- Vai denunciar todas esas ameazas e insultos que recibiu a través das redes sociais?

Penso denuncialos. Pero é verdade que teño moitas mensaxes e estou aínda buscando todos os de ameazas e insultos para poder denuncialos. Pero si que teño pensado facelo.

- A súa opinión sobre a figura de Maradona segue sendo a mesma?

Sigo pensando igual. Non se debe separar ao deportista da persoa. O que fas na túa vida profesional afecta á túa vida persoal e viceversa. Creo que como foi Maradona na súa vida persoal non se debe esquecer nin perdoar así como así.

- Converteuse neste tempo nunha referente, polo menos a nivel local, da defensa do feminismo. Como vai seguir loitando polos seus ideais a partir de agora?

- Agora mesmo estou en dúas asociacións: Mocidades Feministas, agora na confluencia do movemento feminista de toda España, e Tamén con Docentes Feministas pola Coeducación. Estamos a traballar de maneira activa na axenda política do feminismo e eu colaboro como podo co tempo que teño.